A artista Paula Noya doa catro esculturas ao Museo de Lugo

A deputada de Cultura mantivo un encontro coa creadora e agradeceu a cesión destas catro pezas de ferro, unha fotografía e catro debuxos a lapis.
Aurelia Balseiro, Paula Noya e Iria Castro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Aurelia Balseiro, Paula Noya e Iria Castro. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Lugo sumará unha nova serie de esculturas grazas á doazón da artista lucense Paula Noya. A deputada de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro, mantivo un encontro coa directora do museo, Aurelia Balseiro, e a creadora para coñecer o proxecto El Hilo de Cloto, que se incorporará ao museo, nas próximas semanas

Noya achega esta serie formada por catro esculturas de ferro, catro debuxos a lapis en papel e a fotografía Las Parcas, montada sobre aluminio. A deputada de Cultura destacou a importancia desta doazón que incide no apoio e na visiblización das mulleres artistas, dentro do programa "Recoñecer, Representar e Redistribuír".

Nese marco, durante o verán presentáronse nos xardíns do museo a escultura de Soledad Penalta que simboliza a loita das mulleres por alcanzar a igualdade ou, no Pazo de Tor, a peza Todo é ilusión adquirida á artista Pamen Pereira. Castro agradeceu "a xenerosidade da artista. O Museo e a Rede Museística seguen pondo en valor o traballo de mulleres artistas galegas e esta doazón é un exemplo máis do noso compromiso".

O proxecto

O proxecto El hilo de Cloto trata de indagar sobre o destino e a nosa capacidade ou non para cambialo. Cloto é unha das tres Moiras ou Parcas, como se llas denominaba na antiga Grecia. Este proxecto inspírase en Cloto, a máis nova das tres, que é a que prepara a la na roda de fiar. Cloto é tamén a que reparte os fíos que tecerán a vida dos homes: o branco é a cor sobre a que se entretecerá, o fío dourado (a felicidade) e o negro (a dor). Así desde o seu nacemento os homes e as mulleres teñen predestinados os seus momentos de felicidade e de dor, aínda que como se di no mito, só eles poden decidir como viven eses momentos, mantendo así o libre albedrío. 

 

Comentarios