A Xustiza mexicana suspende o debate sobre a reforma xudicial no Congreso

O presidente de México critica a inxerencia no poder lexislativo.
Andrés Manuel López Obrador, presidente mexicano, o domingo. (Foto: Carlos Santiago / eyepix via ZUMA / DPA vía Europa Press)
photo_camera Andrés Manuel López Obrador, presidente mexicano, o domingo. (Foto: Carlos Santiago / eyepix via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Como “unha invasión”, así cualificou a segunda feira o presidente de México, o progresista Andrés Manuel López Obrador, a decisión de Felipe Consuelo Soto e Martha Eugenia Magaña López, maxistradas que horas antes emitiron cadansúa resolución para suspender o debate na Cámara Baixa do Congreso da reforma xudicial impulsada polo mandatario, cuxo debate estaba previsto que comezara a terza feira no Pleno.

López Obrador incidiu en que o poder lexislativo é o responsábel de discutir e aprobar as leis e reformas constitucionais como a do poder xudicial, reiterando que a medida é “arbitraria”, “ilegal”, “anticonstitucional” e “facciosa”, advertindo que “están metidas personaxes” da oposición conservadora.

En paralelo, a súa formación, o Movemento de Rexeneración Nacional (Morena), presentou por medio das súas deputadas e deputados unha solicitude para desenvolver un xuízo político e unha denuncia penal contra ambos os membros da xudicatura pola “grave intromisión” nas atribucións do lexislativo.

Consuelo xustificou o auto en que supostamente viola os dereitos laborais dos xuíces e xuízas federais, e Magaña, con argumentos similares, insistiu en que é preciso defender a “independencia do poder xudicial”.

Cargos de elección popular

Tanto o Supremo Tribunal de Xustiza como traballadoras e traballadores do sector entraron en folga para rexeitar o texto, que implementaría a elección das xuízas por elección popular, que o presidente defendeu para que “saiban a ciencia certa que son representantes do pobo”, ao que lle “deben o seu cargo”, “non a grupos de intereses”.

Asemade, fixo énfase na corrupción na Xustiza como detonante da reforma.

Comentarios