Londres suspende 30 licenzas para exportar armamento a Israel polo "risco claro" de que se usen para violacións dos DDHH

Biden admite que Netanyahu frea o alto o fogo.
Restos do hospital al Shifa, en Gaza (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).
photo_camera Restos do hospital al Shifa, en Gaza (Foto: Khaled Daoud / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press).

30 das 350 licenzas de exportación de armas do Reino Unido a Israel ficaron a segunda feira suspendidas de forma inmediata, anunciou o Executivo de Keir Starmer (Partido Laborista), posto que hai un “risco claro” de que se usen para “cometer graves violacións do dereito internacional humanitario”. Iso si, matizando que “non é unha prohibición xeral” nin un “embargo de armas”.

Global Justice Now remarcou que aínda que o Goberno está a “espertar ao feito de que debe deixar de armar Israel” aínda “corre o risco de manter a complicidade do Reino Unido en crimes de guerra”.

Aínda que ao concentrar Alemaña e os Estados Unidos a inmensa maioría das importacións de armas de Israel a decisión non afectará a súa capacidade militar para proseguir co xenocidio en Gaza, o papel de Londres como un dos principais aliados israelís canda Washington e Bruxelas fende os cada vez máis limitados apoios cos que conta o réxime de apartheid.

En Israel, após saír á rúa horas antes centos de milleiros de persoas, a Xustiza -alegando que non se trataba dunha cuestión laboral- freou a segunda feira a folga xeral decretada a continuación polo principal sindicato do réxime, Histadrut, para exixir ao primeiro ministro do Goberno ultradereitista liderado por Benjamin Netanyahu que deixe de obstaculizar o alto o fogo con Hamás.

A mobilización sindical, que afectou á banca, grandes centros comerciais, servizos de transporte ou oficinas gobernamentais, non reclamaba a fin do xenocidio, senón que Netanyahu outorgase prioridade á liberación das persoas israelís detidas na Faixa desde a operación palestina do 7 de outubro, un dos aspectos que implica a tregua, na que serían intercambiadas por palestinas presas en Israel.

A orixe foi a confirmación a fin de semana dos militares sionistas de que atoparon os corpos en Gaza de seis destas detidas. Tres delas terían sido liberadas como parte dun alto o fogo aceptado en xullo por Hamás, e que, como conversas anteriores, Israel boicoteou, indicou un funcionario israelí á prensa local, incidindo en que “está claro como o día que Netanyahu está a impedir un acordo para que o Goberno non se desintegre”, alertando de que nun mes non quedará con vida ningún detido en Gaza.

Incluso o presidente estadounidense, Joe Biden, recoñeceu que Netanyahu non está a facer dabondo polo acordo, e insistiu na necesidade de finalizar o pacto, que os Estados Unidos axudaron a Israel a bloquear en agosto ao deseñar un texto no que incluía as demandas efectuadas por Netanyahu, e que até o ministro de Defensa Yoav Gallant criticou, para frear o entendemento.

Comentarios