A ultradereita gaña posicións ante o fracaso das forzas do Goberno alemán

O SPD rexistra o seu peor resultado nun Estado federado.
Höcke, candidato da AfD.  (Foto: AfD)
photo_camera Höcke, candidato da AfD en Turinxia. (Foto: AfD)

Hai 92 anos, o Estado alemán de Turinxia converteuse no primeiro no que o Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán de Adolf Hitler ademais de vencer nas eleccións lograba dirixir o Goberno da man de Fritz Sauckel, aforcado após os xuízos de Nuremberg. A segunda feira, ao completarse o reconto das eleccións do domingo en Saxonia e Turinxia, confirmouse que este último land volveu marcar un fito coa vitoria de Alternativa para Alemaña (AfD), que levou por primeira vez desde hai 90 anos a ultradereita á vitoria nuns comicios nos Estados que compoñen Alemaña.

Co 32,8% dos votos por lista (as e os electores tamén votan directamente polo distrito electoral), a AfD xa é a primeira forza turinxia, mais lonxe da maioría absoluta, sacando case dez puntos (23,6%) á Unión Demócrata Cristiá (CDU). En terceira posición entrou no lexislativo con 15,8% a esquerda antiimperialista da Alianza Sahra Wagenknecht-Razón e Xustiza (BSW), constituída hai apenas nove meses, relegando á Esquerda, forza da que se escindiu, á cuarta praza con 13,1%, 18 puntos menos que en 2019, e ratificando a perda do único Executivo rexional no seu poder.

Tamén se constatou o fracaso das forzas que compoñen o Executivo federal: Partido Socialdemócrata (SPD), Os Verdes e os liberais do Partido Demócrata Libre (FDP). Os dous últimos, con 3,2% e 1,1%, non lograron superar o limiar de 5% fixado para entrar no Parlamento, perdendo a súa representación. Pola súa parte, o SPD caeu até 6,1%, fixando o peor resultado da súa historia nunhas votacións estatais.

Xa en Saxonia, a CDU foi quen de manter a primeira praza por pouco máis dun punto porcentual fronte á AfD (31,9% e 30,6% respectivamente), diferenza que se reduce a 0,4% nas votacións dos distritos electorais. BSW fíxose con 11,8% e o SDP con 7,3%. Como en Turinxia, o FDP quedou fóra do Parlamento, no que entraron ao límite (5,1%) os Verdes, A Esquerda (4,5%) e a localista e conservadora Votantes Libres (2,3%), nestes dous últimos casos grazas ao seu desempeño nas votacións por distrito.

Repartimento de escanos nas eleccións rexionais que decorreron o domingo nos Estados alemáns de Turinxia e Saxonia. (Imaxe: Nós Diario)
Repartimento de escanos nas eleccións rexionais que decorreron o domingo en Alemaña. (Imaxe: Nós Diario)

“Os resultados da AfD en Saxonia e Turinxia son amargos e preocupan, isto é algo ao que non se pode afacer o noso país”, subliñou o chanceler alemán, Olaf Scholz (SPD), que instou a manter o cordón sanitario, reclamando a “todos os partidos democráticos” formar “Gobernos estábeis sen a extrema dereita”, que “debilita a economía, divide a sociedade e estraga a reputación do noso país”.

Neste sentido, os resultados constitúen “unha labazada moi grande para todo o Goberno e especialmente para Scholz”, incidiu a docente de Ciencias Políticas na Universidade Técnica de Dresde Marianne Kneuer.

A fin do cordón é un dos grandes obxectivos da AfD, cuxa co presidenta, Alice Weidel, reiterou que “non se pode manter a longo prazo”. Un dos líderes da ultradereita en Turinxia, Steffan Möller, fixo fincapé en que “nos resultados pódese ler que coalición queren os electores”, e Weidel dirixiuse á CDU sostendo que ou fala coa AfD ou busca alianzas con forzas progresistas nas que “non podería desenvolver o seu programa”.

Jörg Urban, que encabeza a CDU en Saxonia, indicou que a suma de votos da súa formación e da ultradereita amosa que a poboación desexa unha política conservadora. Sexa como for, e como o resto de formacións, a CDU aseverou que manterá o cordón sanitario.

Aínda que é improbábel que a AfD poida formar Goberno en ningún dos dous territorios en Turinxia logrou facerse cunha minoría de bloqueo, o que lle permitirá entre outras atribucións impedir a designación de xuíces e xuízas ou de altas funcionarias de seguridade. Os seus resultados tamén dificultan a formación dos novos Executivos. En Turinxia por exemplo, a única opción para a maioría absoluta excluíndo a ultradereita é a suma de CDU, BSW e A Esquerda -forza coa que os democristiáns se negan a colaborar-.

En Saxonia, a CDU tamén parte como favorita para revalidar o Goberno a pesar de obter o peor resultado da súa historia nun territorio que controla desde a reunificación. Non obstante, a coalición que mantiña co SPD e Os Verdes xa non lle permite superar a maioría absoluta, co que precisaría tamén do apoio da BSW ou da Esquerda.

Logo de que hai apenas tres meses o líder da CDU, Friedrich Mertz, rexeitara gobernar coa BSW remarcando que “non traballamos con partidos de extrema dereita e de extrema esquerda”, hoxe en día é a única opción viábel, e os antiimperialistas xa abriron a porta a conversas ao respecto.

BSW xa anunciou que exixirá para entrar nos Gobernos que se opoñan ao emprazamento de mísiles de medio alcance no seu territorio, algo que autorizou Scholz aos Estados Unidos e que “ningún outro país europeo permite”, aseverou a formación, crítica con que o seu Executivo replique as políticas de Washington e a alianza militar que controla, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Con anterioridade, a súa líder, Sahra Wagenknecht, advertira que a súa liña vermella era “unha posición clara na política federal a favor da diplomacia e en contra da preparación para a guerra”.

O xornal Frankfurter Allgemeine Zeitung sinala que neste asunto BSW está máis perto da CDU de Saxonia que da de Turinxia e coinciden na demanda de acelerar os procedementos relacionados coas solicitudes de asilo e limitalas no futuro a ser presentadas en terceiros países ou nas fronteiras exteriores da Unión Europea (UE).

O “escepticismo” arredor da entrega de armamento a Ucraína e da política da OTAN de prolongar o conflito con Rusia, ligado coa deterioración da economía no marco da fin da electricidade a baixo prezo que procedía da chegada de gas natural ruso polo gasoduto Nord Stream, tamén cuestionados pola AfD, é un dos factores chave que determinaron os resultados electorais, apunta a axencia AP.

Brandeburgo, última proba antes das xerais

O 22 de setembro o Estado de Brandeburgo será o último en ir ás urnas antes das eleccións federais de setembro de 2025. As enquisas prevén unha nova vitoria da AfD que daría un impulso á formación de cara ao vindeiro ano.

Malia que o SPD xa descartou un adianto electoral despois do seu fracaso nos comicios ao Parlamento Europeo e coa ultradereita como segunda forza, unha nova derrota en Brandeburgo podería ser o desencadeante posto que, a diferenza de Turinxia e Saxonia, esta forza está a liderar a coalición que goberna o Estado, e na que participa a CDU e Os Verdes.

Comentarios