O Festival RIR leva o humor a Allariz na súa sétima edición

Desde este domingo ate o 7 de setembro Allariz será o escenario dunha das citas máis relevantes do humor na Galiza.

Os Porco Bravú presentaron a gala de entrega de premios na edición de 2023. (Foto: Festival RIR)
photo_camera Os Porco Bravú presentaron a gala de entrega de premios na edición de 2023. (Foto: Festival RIR)

A sétima edición do RIR, o Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia, organizado pola Asociación Cultural Luarada, producido por Zinemusik e Escena Sonora, e en colaboración co Concello de Allariz e a Deputación de Ourense, decorrerá na vila do Arnoia deste este domingo ao 7 de setembro.

O RIR arrincará este domingo, ás 20 horas na Casa da Cultura de Allariz, coa proxección das curtametraxes premiadas na edición anterior, permitindo ás persoas asistentes gozar novamente destas obras destacadas.

Como é tradición, presentaranse catro bloques de curtametraxes de 75 minutos cada un, incluíndo un bloque dedicado exclusivamente a curtametraxes documentais. Os outros tres bloques combinarán ficción e animación, garantindo unha variedade de xéneros para todos os gustos.

Na quinta feira, 5 de setembro, as crianzas poderán gozar dunha actuación especial na praza do Matadoiro de Allariz co espectáculo Ritmando de As Jalochas. Na sexta feira o evento continuará coa gravación en directo do podcast Bueno Carallo Bueno e unha charla coa xornalista María Aller sobre “A comedia de guerrilla”, xunto a produtores e ao actor Gerald Fillmore.

O sábado, día máis completo do festival, comezará coa sección “Festival Amigo Convidado” que contará coa presenza do FICAR Entrimo, seguido pola presentación oficial do libro Memorias de un cinéfilo sarnoso por Gerardo Sánchez, director de Días de cine. A tarde traerá a estrea de dúas webseries, Pulp Air de Anita Pico e Poscoito de Héctor Rodríguez, ademais dunha proxección especial polo 20º aniversario da curtametraxe Toxic Percebe coa presenza dos seus creadores e protagonistas.

Galardóns

A clausura do festival decorrerá cunha gala especial, transmitida en directo a través de YouTube, conducida polo humorista Avelino González. Nesta gala entregaranse os premios do festival.

Outra parte do festival é a entrega do premio RIR Contigo, que se outorga para premiar traxectorias dedicadas á comedia. Este ano outórgase ao actor galego Miguel de Lira, en recoñecemento da súa extensa traxectoria na comedia. En edicións pasadas foron premiados Carlos Blanco, Luis Davila, Xosé A. Touriñán, Isabel Risco ou Manquiña, na edición pasada.

O xurado estará formado por tres membros: Victoria Teijeiro, Luis Iglesias e Atenea Mata. Estas tres persoas serán as encargadas de elixir ás curtas gañadoras desta edición.

Cultura sostíbel

O Festival RiR continua por terceiro ano consecutivo dentro do Pacto de Cultura Sostíbel, polo que se irán implantando obxectivos para facer do evento un acto máis consciente, máis respectuoso co medio ambiente e coas persoas con dificultades motoras.

Por outra banda, dentro do Festival continuase a traballar co compromiso de intentar reducir o consumo de plásticos e envases de un so uso.

Comentarios