Máis

O 42º Festiletras: a cultura viva

Ilustrando a celebración máis arraigada no Couto.
Mural de Luís Dávila, que será homenaxeado este ano, na aldea do Couto, Ponteceso (Bergantiños). [Foto: Pakolas]
photo_camera Mural de Luís Dávila, que será homenaxeado este ano, na aldea do Couto, Ponteceso (Bergantiños). [Foto: Pakolas]

Na pequena aldea do Couto, no concello de Ponteceso (comarca de Bergantiños), celébrase cada ano un evento que exalta a cultura galega en todas as súas formas. Trátase do Festiletras, unha das citas culturais máis importantes da zona, onde se mesturan literatura, música, teatro e tradición. Organizado pola Fundación Eduardo Pondal, o Festiletras, na súa 42º edición, conmemora a figura do poeta bergantiñán e promove a lingua e a identidade galega ao longo de tres intensos días, até o 1 de setembro.

O evento inclúe un amplo abano de actividades para todas as idades: recitais poéticos, presentacións de libros, actuacións musicais á noite e representacións teatrais, que se desenvolven en distintos puntos da aldea (eira de Pailetes, Cambón, Pontedona…), todo ao prezo de 25 euros.

Algúns dos momentos máis destacados serán os concertos de Mondra (hoxe, ás 22 horas), Ortiga (mañá, ás 14.30 horas) ou De Ninghures (ás 19 horas de mañá), que levarán a súa música á aldea do Couto, onde onte actuou Guadi Galego. Asemade, o espazo contará con outras actividades abertas toda a fin de semana como son o mercado de artesanía e produtos ecolóxicos.

Por outra parte, o Festiletras deste ano dedicará un espazo especial a honrar o ilustrador Luís Dávila, a través da exposición do seu traballo e da entrega dun busto conmemorativo polo seu labor por “manter a lingua galega viva a través das súas ilustracións”, indican desde a organización. Así, con esta mestura de lembranza, celebración e reflexión, o Festiletras reafírmase como un encontro esencial para todas aquelas persoas que valoran e defenden o legado cultural de Galiza á vez que desfrutan de todos os seus froitos.

Comentarios