A danza contemporánea da Galiza chega á Tanzmesse de Düsseldorf

Paula Quintas Cía. foi a representante galega seleccionada por unha comisión independente para a sesión de pitching #Newskyline on the road, no marco da que tivo a oportunidade de presentar os seus proxectos diante dos axentes acreditados.
Paula Quintas. (Foto: paulaquintas.com)
photo_camera Paula Quintas. (Foto: paulaquintas.com)

A danza contemporánea galega participa por vez primeira de xeito coordinado na Internationale Tanzmesse NRW, o maior encontro profesional do sector a nivel mundial, que se celebra até hoxe na cidade alemá de Düsseldorf. Até alí viaxaron representantes de sete compañías produtoras e distribuidoras galegas, así como do Centro Coreográfico Galego, co fin de procurar contactos que favorezan a apertura de novos mercados e colaboracións internacionais..

Paula Quintas Cía. foi a representante galega seleccionada por unha comisión independente para a sesión de pitching #Newskyline on the road, no marco da que tivo a oportunidade de presentar os seus proxectos diante dos axentes acreditados. 

Paula Quintas,  Amarelo Distribución e Nova Galega de Danza contan para o seu desprazamento con cadansúa axuda da Consellería de Cultura, a través da convocatoria para actividades de distribución nas industrias culturais, mentres que Sabela Mendoza e Kirenia Danza dispoñen de axudas dentro da liña para a aceleración cultural nas artes escénicas.  Completan a representación galega La Guajira e Mikel Aristegui.

Atendendo estes perfís profesionais, dedicados non só á creación e distribución, senón tamén á xestión e programación cultural, outro dos obxectivos desta delegación galega é coñecer os traballos doutras formacións cara á súa posible exhibición na Galiza.

Tanzmesse é un encontro bienal centrado fundamentalmente na comercialización e distribución de producións de danza contemporánea. Reúne cada ano unhas 500 empresas e máis de 1500 asistentes de medio cento de países no seu recinto feiral, ademais de ofrecer numerosas actuacións en diferentes escenarios da cidade.

Comentarios