A artista multidisciplinar Luz Darriba será a pregoeira das festas do San Froilán

A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da artesá Marga Portomeñe e da escritora Ana Carreira.
Luz Darriba
photo_camera Luz Darriba

A condecorada artista multidisciplinar, Luz Darriba, autora do proxecto Cumulum, pedra angular da candidatura da muralla de Lugo para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000, será a pregoeira das festas do San Froilán 2024.

Así o anunciou este venres, no marco da reunión da comisión de festas do certame, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, quen tamén desvelou que outras dúas mulleres artistas, a dramaturga Ana Carreira e a deseñadora de vestiario Marga Portomeñe conducirán a Ofrenda a Rosalía de Castro.

"Son tres mulleres que representan a importancia de Lugo hoxe para a cultura galega que terán un protagonismo especial nas nosas festas de San Froilán", resumiu a concelleira nacionalista en relación ao anuncio.

Luz Darriba, artista nacida en Uruguai, formada en Arxentina e da que Ferreiro destacou "a súa longa traxectoria profesional" e a súa contribución co proxecto Cumulum á consecución dun "fito histórico" para a cidade, será a encargada. de dar inicio ás festas coa lectura do pregón coincidindo co 25 aniversario da súa lembrada intervención artística.

Un proxecto, consistente na instalación de 650.000 libros ao redor da Muralla Romana de Lugo no que participaron preto de 5.000 persoas, que se segue a considerar aínda hoxe, subliñou o concelleiro de Cultura, como “unha das intervencións artísticas máis relevantes para a historia de Lugo".

O outro acto salientábel a nivel institucional da celebración das festas patronais, a ofrenda a Rosalía de Castro que se celebrará no coñecido como 'Domingo das Mozas', correrá a cargo da dramaturga, narradora oral e actriz Ana Carreira, e da tamén actriz, Marga Portomeñe, coñecida polo seu labor docente e polo seu traballo como deseñadora de vestiario e especialista en restauración e construción de xigantes e cabezudos.

Comentarios