Graham Greene, os servizos secretos británicos e un sacerdote de Avión

Un sacerdote galego que cultiva unha amizade íntima cun escritor candidato ao Premio Nobel. Servizos de intelixencia. Citas en Sintra con personaxes internacionais de reputación dubidosa. O vindeiro proxecto de Arraianos ten todas os elementos dunha novela de, por exemplo, Graham Greene.
Leopoldo Durán e Graham Greene nunha das súas viaxes pola península.
photo_camera Leopoldo Durán e Graham Greene nunha das súas viaxes pola península.

Un deles foi un deses perpetuos candidatos ao Nobel de Literatura que nunca chegan a acadar o premio pero que gozan do favor do público. O terceiro home, O poder e a gloria, O americano tranquilo ou O noso home en La Habana son títulos que demostran que Graham Greene sabía como facer pasar a pericia narrativa por sinxeleza estilística.

O outro era un sacerdote nado en Penedo de Avión, de familia humilde, que se doutorou en teoloxía en Roma, en filosofía na Universidade Complutense de Madrid e en literatura inglesa no King's College de Londres, onde redactou a súa tese sobre a figura do crego na narrativa de Graham Greene. Desde os seus inicios no seminario sentiuse fascinado pola figura e a obra do escritor inglés, e durante a súa estancia en Londres consigue, case milagrosamente (a fin de contas estamos falando dun sacerdote) concertar unha primeira cita con el no hotel Ritz da capital británica.

Ningún dos dous sabía que aquel encontro había de ser, como no filme, "o comezo dunha grande amizade", que duraría até a morte e Greene, a quen Durán lle deu a extrema unción. 

Unha amizade singular

No Ritz, Graham Greene propúxolle a Durán facer unha viaxe pola península, un primeiro periplo que había de repetirse até quince veces nos anos seguintes e no que a Galiza tería un papel principal, por razóns non estritamente literarias: a Greene fascináballe o Quixote, pero tamén o viño, e insistía en pasar por Beade, pola casa de Antonio das Regadas,  para cargar o maleteiro de botellas antes de comezar o camiño.

"Foi un pouco por casualidade", explica Aser Álvarez, de Arraianos Produccións. "De camiño á casa da irmá de Durán, en Beade, viron un cartel feito a man polo neto de Antonio que anunciaba a venda de viño, pararon e alí iniciaron unha amizade que duraría toda a vida. Algo tería que ver o tónico Cariño, invención deste Antonio das Regadas que tamén seduciu o padal de Greene".

Arraianos está preparando un documental que seguirá os itinerarios das quince viaxes que Greene e Durán fixeron xuntos pola península Ibérica, unha parte da vida que, sorprendentemente, apenas se menciona nas biografías inglesas do autor.

"É sorprendente porque os ingleses adoitan ser uns biógrafos moi minuciosos, mais tamén porque a relación con Durán é sumamente atractiva", afirma Álvarez. "O de Avión era un católico moi ortodoxo, mentres que Greene, malia profesar o catolicismo, vivíao dunha maneira moito máis atormentada, un pouco ao xeito de Unamuno, a quen admiraba moito. E porén estabeleceron unha relación moi curiosa e moi íntima, chea de anécdotas divertidísmas que poderían encher un libro ou un filme por elas mesmas".

Mais o inicio desa relación tamén deixa dúbidas flotando no ar. Durán escribiulle a Greene durante unha década sen que o escritor lle fixese caso ningún. Mais xa naquela primeira cita do Ritz londiniense proponlle facer unha viaxe xuntos pola península. Que lle fixo cambiar de opinión?

"Non podemos sabelo con seguridade, mais Graham Greene, cuxos vínculos co MI6 [o servizo de intelixencia británico] son coñecidos, daba a sensación de estar moi interesado pola España da chamada transición e polo Portugal posterior á Revolución de Abril", desvela Álvarez. "Se cadra non podemos afirmar que fose un espía no sentido clásico do termo, mais si un informador".

A tese procede do investigador Carlos Villar Flor, que dedicou unha década da súa vida a investigar esas viaxes e reconstruír os seus itinerarios, unha pescuda que quedou reflectida no seu libro Viajes con mi cura: Las andanzas de Graham Greene por España y Portugal, publicado en castelán e inglés. Neste volume, debúllanse algúns aspectos enigmáticos daqueles periplos:   os intentos de Greene de estabelecer contactos cun PSOE que comezaba a chegar a posicións de poder -acabaría trabando amizade con Enrique Tierno Galván-; a efémera existencia dunha Fundación Graham Greene financiada polo conde de Creixell, un dos propietarios da bodega rioxana Marqués de Murrieta, que só durou un par de anos e que, segundo Durán, lle servía ao escritor para contrarrestar as acusación que se lle facían de ser comunista: "Como vou ser comunista se os responsábeis da miña fundación son un cura e un aristócrata?", exclamaba; ou as visitas a unha anciá inglesa, María Newal, que residía en Sintra, tamén vinculada co servizo secreto británico, onde se reunirían persoas de diferente procedencia para intercambiar información que poderiamos denominar clasificada.

"A investigación de Villar foi fundamental para pór en marcha este proxecto. El, por exemplo, incide moito no papel dos "terceiros homes" -en alusión á novela do escritor- que os acompañaban nas viaxes e que adoitaban ser alumnos universitarios de Durán". 

Un proxecto ambicioso

O proxecto de Arraianos vai máis alá do documental e pensa, por exemplo, nun álbum de banda deseñada con Óscar Aldonza. Segundo Álvarez, queren saír sdo pequeno formato para facer unha obra que estea á altura da figura de Graham Greene "porque é unha oportunidade única de visibilizar os vencellos profundos deste autor universal coa Galiza e coa cultura galega".

Greene, efectivamente, tiña varias paradas fixas en todas as súas viaxes e, o mosteiro de Oseira era unha delas, até o punto de que o escolleu con frecuencia como lugar de "retiro espiritual" e de crear tamén unha íntima relación co monxe que se encargaba da biblioteca.

"Acabou coñecendo ben o país e, aínda que non gostaba de Santiago de Compostela pola turistificación que vía nela -adiantándose moito ao seu tempo- si que había lugares aos que volvía de maneira recorrente".

A película estrearase en 2026, coincidindo co quincuaxésimo aniversario da primeira viaxe, e tratará de converterse nunha coprodución internacional que dea conta dun aspecto amplamente descoñecido da traxectoria dun dos escritores de máis éxito do século XX. "A historia ten moitos dos elementos das novelas do propio Graham Greene", conclúe Álvarez.

Monseñor Quixote

As viaxes realizadas por Graham Greene xunto a Durán inspiraron unha novela, Monseñor Quixote, baseada até certo punto no sacerdote galego, un extremo este que o sacerdote negaba, e que interpretaba como "un himno épico aos emigrantes de Avión a México". En 1985, a novela deu lugar a un filme dirixido por Rodney Bennett e interpretado no seu papel principal por Alec Guinness, e que transcorre en parte nos lugares da Galiza polos que pasou o novelista.

Máis en CULTURA
Comentarios