Puente recoñece que o largo de vía na rede ferroviaria galega xera problemas no tren e tamén culpa Talgo das incidencias

O ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, compareceu esta quinta feira no Congreso a petición propia para dar explicacións ante os problemas na rede ferroviaria este verán.

O ministro Óscar Puente, o popular Héctor Palencia e o nacionalista Néstor Rego. (Foto: Alberto Ortega / Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O ministro Óscar Puente, o popular Héctor Palencia e o nacionalista Néstor Rego. (Foto: Alberto Ortega / Jesús Hellín / Europa Press)

Óscar Puente recoñeceu que os diferentes largos de vía ferroviaria presentes provocan máis incidencias, tal e como acontece, especialmente, na Galiza. 
Concretamente, referiuse ao cambiador localizado no municipio de Taboadela (comarca de Ourense), que rexistrou a semana pasada catro incidentes diferentes, tres deles en trens Avril, como un punto "crítico".

"Calquera pequeno erro no tren derivado da propia marcha, convértese nun erro crítico e produce a interrupción do servizo [ao tratarse dun tramo de vía única]", detallou o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel.

Así mesmo, o ministro tamén anunciou que se están estudando dúas novas reclamacións a Talgo para pedir unha compensación polos danos e prexuízos que as avarías dos novos trens Avril (S106) causaron a Renfe.

Estas reclamacións sumaranse ás que xa hai en curso contra Talgo por máis de 167 millóns de euros polo atraso de máis de dous anos na entrega dos trens Avril, o que afectou á oferta que se podía prestar na Galiza. 

Puente explicou que precisamente unha das razóns do incremento das incidencias na rede ferroviaria este verán foi a posta en circulación destes trens, entregados o pasado mes de maio.

O PP pide a "dimisión" do responsábel de Transporte

Pola súa parte, o deputado do PP Héctor Palencia pediu esta quinta feira a Puente a súa "dimisión" pola súa "incapacidade total" para xestionar Transportes e por perder a "credibilidade necesaria" para ocupar un cargo público. 

"Un ministro que mente de maneira tan flagrante e repetida non pode seguir á fronte dun Ministerio tan crucial como o de Transportes. A súa permanencia no cargo é unha ofensa a todos os cidadáns que viron deteriorar un servizo esencial e foron tratados con absoluto desprezo", aseverou o deputado popular.

O BNG demanda "máis servizos e máis prazas"

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu esta quinta feira ao ministro que garanta "a mobilidade diaria na Galiza cun transporte ferroviario de calidade con máis servizos e máis prazas". 

Neste sentido, o deputado do BNG agradeceu as desculpas de Puente mais afeou que as súas explicacións "serven de pouco" ás usuarias que este verán se viron afectadas polas "continuas" incidencias, atrasos e suspensións de servizos. 

O deputado retrucou os argumentos de Puente, quen tamén achacou os problemas do tren na Galiza ás obras na estación de Chamartín (Madrid), subliñando as principais deficiencias no deseño da rede galega derivan do que xa foi denominado, dixo Rego, como "o plan para amputar a liña de alta velocidade entre Madrid e a Galiza, suprimindo a dupla vía e deixando moitos quilómetros de vía única". 

Nesta cuestión, recalcou, "hai responsabilidade das dúas forzas políticas (PP e PSOE)", mencionando o tren avariado en entre Taboadela e a cidade das Burgas este agosto que "mantivo a vía parada durante máis de tres horas, o que non tería sucedido de contar con dupla vía".

Por iso, preguntou ao ministro se "pensan nalgún momento mudar o largo ibérico polo internacional que é o modo de arranxar parte do problema", pois como Puente recoñeceu, un dos problemas principais está no cambiador de Taboadela.

Comentarios