O BNG considera que é "escandalosa" a resposta do Goberno español á prórroga da AP-9

Néstor Rego, deputado nacionalista no Congreso, pide anular a concesión da autoestrada AP-9.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera “escandaloso” que o Goberno alegue “indefensión” para xustificar manter a concesión da AP-9 até 2048 e critica o empeño do PSOE de que os galegos e galegas “continuemos pagando inxustamente aínda durante 24 anos por circular polo Eixo Atlántico”. Por este motivo reclama anular a prórroga realizada por un goberno de Aznar (PP) e que a AP-9 pase a ser gratuíta.

Rego afirma que “non é coherente afirmar que foi una decisión inxusta e agora pretender mantela a toda custa, mesmo cando a UE considera que é ilegal por vulnerar o principio de libre concorrencia”, asegura.

Aliás, Néstor Rego salienta que o argumento de “indefensión” e que a prórroga foi legal porque se realizou a una empresa pública non se sostén. “O Comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, asegurou que da documentación que posúen se deduce que xa existía a intención de privatizar a AP-9 cando se fixo e prórroga e, por tanto, a decisión do Goberno do PP de Aznar foi fraudulenta. Sorprende o empeño do PSOE de mantela”, subliña.

Cuestiona tamén o deputado nacionalista as cifras do custo do rescate baralladas polo Ministerio de Óscar Puente. “Non hai ningún estudo que as avale", asegura. Rego lembra que  o Pleno do Congreso aprobou una moción do BNG reclamando que a Autoestrada do Atlántico pasase a ser gratuíta en que tamén se pedía realizar un estudo rigoroso dos custos. "É o lóxico. O ministro o mesmo fala de 4.000 millóns como de 6.000, mais nunca explicou de onde saen esas cifras, que outras estimacións baixan a pouco máis de 1.000”, enfatiza.

Rego carga contra o PP, que acordou a prórroga, e contra o PSOE, que quere mantela. “Fica claro, máis unha vez, que as forzas estatais se alternan na discriminación á Galiza", indica, "porque é discriminación que os galegos e galegas continuemos pagando por unha infraestrutura xa amortizada cando no conxunto do Estado a maioría das autoestradas da xeración da AP-9 xa son libres de peaxe após 40 anos de concesión", agrega.

Diante disto, o deputado do BNG exixe ao Goberno mudar a súa posición e proceder a anular a concesión. “A AP-9 debe ser gratuíta canto antes, porque é de xustiza", conclúe.

Comentarios