O Goberno español alega "indefensión" ante a UE por cuestionar a prórroga da AP-9 após 20 anos cunha norma "non aplicábel"

Desde Moncloa afirman que se produciu unha "vulneración do principio de seguridade xurídica" nas actuacións do ente comunitario, "que pretende cuestionar, máis de 20 anos despois, e sobre a base de argumentos baseados en xurisprudencia inaplicábel ao presente asunto".
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo. (Foto: Jennifer Míguez)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo. (Foto: Jennifer Míguez)

O Goberno español alega a súa "indefensión" ante o expediente infractor aberto pola Comisión Europea pola presunta infracción normativa na ampliación da concesión da AP-9, aprobada en 2000 polo Goberno de José María Aznar, e sinalou que se vulnerou o principio de seguridade xurídica ao cuestionar unha decisión "máis de 20 anos despois" con base nunha xurisprudencia que non se pode aplicar neste caso.

Así se recolle no informe do Executivo remitido hai uns días á Comisión, en resposta á segunda carta de emprazamento enviada ao Estado español en relación con este procedemento, segundo confirmaron fontes europeas á axencia Europa Press. Nesa resposta, o Executivo de Pedro Sánchez insiste en que a normativa comunitaria sobre contratación pública non se pode aplicar á ampliación da concesión porque concorren os requisitos da chamada excepción 'in house', xa que a concesionaria estaba nese momento controlada polo Estado e realizaba a súa actividade para o Estado, quedando vedada a participación de accionistas privados, de modo que non resultarían de aplicación os principios de igualdade de trato e de transparencia.

Así mesmo, expón que non se pode aplicar a este caso a directiva europea sobre regras de publicidade, xa que o citado texto non regula as modificacións das concesións. E, por outra parte, sinala que a venda da Empresa Nacional de Autoestradas (ENAUSA) non está suxeita á normativa harmonizada sobre contratación pública, ao tratarse dun acto xurídico diferente: unha privatización. E engade que os principios xerais de igualdade de trato e transparencia cumpríronse "escrupulosamente" nese proceso de venda.

"Indefensión"

Após subliñar que non se produciron as supostas infraccións das que fala a Comisión, o Goberno español indica que se produciu unha "vulneración do principio de seguridade xurídica" nas actuacións do ente comunitario, "que pretende cuestionar, máis de 20 anos despois, e sobre a base de argumentos baseados en xurisprudencia inaplicábel ao presente asunto", a ampliación da concesión e a privatización de ENAUSA.

Na súa resposta, Moncloa quere deixar constancia da "indefensión" que entende que se produce na tramitación deste expediente que, advirte, "abunda en presuncións e xuízos de valor", e lamenta tamén os "graves prexuízos que a súa indebida prolongación xera" tanto ao Estado español como a terceiros, "aspectos que a Comisión debería remediar".

Após lembrar que os procedementos de infracción na UE deben basearse "nunha formulación presidida pola maior obxectividade, nunca en suposicións", conclúe que "non se produciu ningún incumprimento" da directiva europea sobre regras de publicidade, nin dos principios de igualdade de trato e transparencia.

Decisión que non comparte

Ademais destas cuestións técnico-xurídicas, cando esta resposta foi remitida á Comisión Europea fontes do Executivo trasladaron tamén que, aínda que non comparten a decisión adoptada polo Goberno de Aznar no 2000, é a súa responsabilidade "velar polo interese xeral". Con esa posición, o Executivo trata de evitar o "alto custo" que suporía ter que anular a concesión, en mans dun operador privado (Audasa), co consecuente pago das compensacións. Ese custo foi cifrado no seu momento polo propio ministro de Transportes, Óscar Puente, nuns 4.000 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 2.000 millóns no caso de que se formalizase a transferencia á Galiza.

O Goberno estatal defendeu a súa actuación no ámbito da aplicación de bonificacións para reducir o impacto das peaxes nas persoas usuarias. Así, lembrou, en xullo de 2021 aprobou un novo esquema de bonificacións para a AP-9 que permitiu aforrar máis 127 millóns de euros até final de xuño de 2024, unha media de 3,6 millóns de euros ao mes. Ademais, os usuarios e usuarias dos tramos Vigo-Morrazo e A Coruña-Barcala aforraron, desde 2018 até final de 2023, uns 83 millóns de euros.

Igualmente, desde o 1 de xaneiro de 2023 aplicouse unha subvención para limitar a suba das tarifas en todas as autoestradas pola revisión anual do IPC. No caso da AP-9, os usuarios aforraron até xuño de 2024 uns 15 millóns de euros en peaxes.

Comentarios