O BNG exixirá no Congreso o pagamento das axudas ao sector marisqueiro da ría do Burgo

Néstor Rego reúnese co sector para escoitar as súas demandas.
Encontro do BNG co sector marisqueiro da Ría do Burgo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro do BNG co sector marisqueiro da Ría do Burgo. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, anunciou esta terza feira que levará a esta Cámara as demandas de axudas dos mariscadores e das mariscadoras da ría do Burgo (comarca da Coruña) mentres non poidan traballar, tras a finalización da obras de dragaxe e á espera de que crezan as crías. Ademais, acusou o Executivo estatal de "escudarse en que a competencia da actividade marisqueira é da Xunta da Galiza".

"O normal é que as axudas se manteñan durante todo o período de recuperación de actividade marisqueira que a propia declaración de impacto ambiental das obras estipula entre 18 e 24 meses para que o marisco teña o tamaño comercial que permita reiniciar a actividade", explicou.

Así se pronunciou tras manter unha reunión co colectivo e no marco dunha nova protesta de representantes da Confraría de Pescadores da Coruña cun corte de tráfico na ponte da Pasaxe na dirección de saída da cidade.

"Reclamamos que as axudas se poñan en marcha canto antes", incidiu o deputado nacionalista para despois engadir que presentará "novas iniciativas reclamando as axudas, a revisión das afectacións que puido haber e o estrito cumprimento da sementeira das unidades de ameixa fina que estaban estipuladas". 

Na mesma liña que Rego, o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, pediu ao Goberno español e á Xunta "que cheguen a un acordo para saír desta problemática" na que están inmersos "desde hai meses". "De momento o Ministerio [de Transición Ecolóxica] só pagou o mes de xaneiro e agora deben febreiro, marzo e abril", dixo.

Baldomir anunciou que está convocada unha nova reunión o próximo día 2 de setembro na que está "confirmada" a asistencia de representantes da Xunta mais non do Executivo español. "O Ministerio está a esconder a cabeza, non dá respostas nin tampouco senta nas mesas de negociación para abordar esta problemática", denunciou.

Parlamento Europeo

Na primeira Comisión de Pesca da lexislatura do Parlamento Europeo, que terá lugar a vindeira semana en Bruxelas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciará "a discriminación que sofren as mariscadoras na convocatoria das axudas autonómicas [da Xunta] pola paralización temporal das persoas mariscadoras a pé".

"Non pode ser que se estean perdendo axudas da Unión Europea porque a Xunta, co Goberno do PP, non estea usando os fondos que existen para que [o sector] poida ter uns salarios dignos e vivir do seu traballo”, concluíu a eurodeputada.

Comentarios