Iria Malvido (PSOE), tenente de alcaldesa de Cangas, dá positivo nun control de alcolemia

O PSOE convocou para esta tarde unha Executiva local que abordará os seguintes pasos a dar.
A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)
photo_camera A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)

A primeira tenente de alcaldesa e concelleira de Obras de Cangas (O Morrazo), a socialista Iria Malvido, deu positivo nun control de alcolemia realizado na madrugada desta terza feira, durante as Festas do Cristo da localidade, e deberá ir a xuízo ao mostrar unha taxa que superaba os 0,80 miligramos por litro.

Fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press relatan que a edil estaba na contorna da praza de abastos, presenciando a actuación da Orquestra Galilea. Sobre as 2 horas da mañá colleu o coche e, cando se dispuña a abandonar o lugar, Malvido foi interceptada pola Policía Local, que lle realizou un test de alcolemia no que deu un resultado positivo que superaría os 0,80. En xeral, considérase ilícito penal todo o que pase de 0,60, polo que terá que someterse a xuízo por un suposto delito contra a seguridade viaria.

Segundo destacan a Europa Press fontes da dirección provincial do PSdeG-PSOE, Malvido comunicoulles os feitos xa na mañá desta terza feira. Agora, ao abeiro dos estatutos e o código ético do partido, remitirase o asunto ao Comité Federal. Ao ser uns feitos de ámbito penal, quedará en mans da Comisión de Ética e Garantías de Ferraz, que resolverá o que considere "á vista da natureza das concretas circunstancias do caso", segundo expón o código ético socialista.

De acordo con este mesmo texto, un cargo socialista só se enfronta a unha expulsión segura —ten que pedir a baixa ou a Comisión de Ética e Garantías procederá a suspendelo de militancia— se se trata de delitos de suborno, tráfico de influencias, malversación, violencia de xénero, delitos de acoso ou discriminación, contra a liberdade e indemnidade sexuais, torturas ou contra a integridade moral.

A nivel orgánico, hai convocada para as 17 horas desta terza feira unha Executiva do PSOE local na que se abordará esta cuestión e as consecuencias que isto podería ter, como a posíbel dimisión da tamén concelleira socialista de Deportes, Sagrario Martínez, avanzada polo xornal Faro de Vigo.

Iria Malvido foi candidata do PSOE á Alcaldía de Cangas nas eleccións municipais de 2023 e actualmente é a 'número dous' dun Goberno local tripartito que dirixe Araceli Xestido (BNG) e no que tamén está presente Esquerda Unida.

Comentarios