Feixoo di non ter nada que "ocultar" sobre Eulen e acusa o PSOE de querer tapar "a súa corrupción"

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, considera que o PSOE e o Goberno do Estado están a pór o "ventilador" ao pedirlle explicacións sobre os contratos da Xunta da Galiza coa empresa na que traballa a súa irmá e atribúeo a "tentar tapar todos os casos de corrupción" que afectan a contorna de Pedro Sánchez e ao seu partido.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina).
photo_camera O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Arxina).

Nunha entrevista concedida este sábado a Europa Press, Feixoo defende que non ten nada que "ocultar" tras 30 anos dedicados ao servizo público e aconsellou aos socialistas que non sigan "facendo o ridículo" porque "o único que acredita é a súa desesperación".

"Eu lamento a situación procesual da familia do señor Sánchez e lamento a situación do PSOE ou do Goberno, pero se o que pretenden é pór o ventilador, ademais de tomar o pelo aos españois, paréceme que é unha estratexia tan infantil que delata claramente o que queren ocultar", declarou Alberto Núñez Feixoo.

O PSOE pediu explicacións a Feixoo e ameazouno con posíbeis accións legais alegando que pode existir "trato de favor e mesmo revelación de información privilexiada" da Xunta coa súa irmá, que dirixe a empresa Eulen para a zona do noroeste de España. Os socialistas –que falan de adxudicacións por importe de 54 millóns entre o mandato de Feixoo e do seu sucesor, Alfonso Rueda– reclaman que os contratos con esa compañía se fagan públicos, incluíndo as ofertas das empresas competidoras nos concursos.

Multinacional

O xefe da oposición animou ao PSOE a solicitar tamén os contratos de Eulen naqueles territorios gobernados polos socialistas. "Propóñolle tamén que revisen os contratos desa empresa coas comunidades autónomas onde o Partido Socialista goberna ou onde gobernou. Mesmo aos partidos independentistas tamén", salientou.

Feixoo subliñou que o Grupo Eulen é unha empresa "multinacional" que "dá emprego a máis de 75.000 persoas", "factura máis de 1.000 millóns de euros" e "contrata con todas as administracións públicas". E engadiu que a súa irmá, que "non ten unha acción desa empresa", é unha traballadora "por conta allea".

Servizo público

Por iso, insistiu en que esta estratexia parécelle que é de "un infantilismo impropio dun Goberno" e agregou que "hai que ter un pouquiño máis de vergoña". "É un ventilador tan forzado para tentar tapar todos os casos de corrupción que afectan o Goberno que cae no infantilismo", abundou.

Feijóo indicou que o PSOE chegou a pedir na comisión das máscaras do Congreso "as declaracións da renda" da súa irmá e "información sobre a súa actividade laboral". "Ningún problema, que pidan o que queiran, que non hai nada que ocultar. Non son como eles", declarou, para engadir que "a cortina de fume é tan groseira" que, ao seu xuízo, mostra que o PSOE está "preocupado" polos casos que lle afectan.

O presidente dos 'populares' asegurou que leva "30 anos dedicado ao servizo público" e "nunca" tivo "ningún problema nin ningunha sospeita en relación a este asunto nin con ningún outro asunto".

Feixoo emprazou o xefe do Executivo a ofrecer explicacións sobre os presuntos casos de corrupción que afectan ao PSOE e á súa contorna familiar, avisando que o seu partido non vai mirar "para outro lado" ante os "excesos" nin vai facer "a vista gorda como o independentismo" porque o Goberno dálles "todo o que piden".

Comisión de investigación

Nesta tesitura, asegurou que, aínda que a el non lle "gusta ver comparecer ao presidente do país nunha comisión de investigación", non lle deixa "outra vía". Iso si, recoñeceu que o PP quere ter "argumentos sólidos" e "contrastados" e, por tanto, "o lóxico" é que compareza cando empecen a ter "máis coñecemento dos sumarios" que afectan a súa contorna e ao PSOE.

Así, relatou que a esposa de Sánchez, Begoña Gómez, "xa está investigada" polo xuíz Juan Carlos Peiteado, e agregou que quere ver tamén "como evoluciona nas próximas semanas" a investigación que afecta o seu irmán, David Sánchez.

Ademais, confiou en que "no mes de setembro" a Audiencia Nacional empece a levantar o segredo do sumario, "polo menos en parte", do caso que afecta ao ex asesor do ex ministro José Luis Ábalos, Koldo García, con "os envorcados do mais de centenar de móbiles incautados pola Audiencia Nacional".

Uso das institucións

Feixoo tamén acusou o presidente do Goberno de "utilizar as institucións do Estado" en beneficio propio, subliñando que "a Fiscalía do Estado e a Avogacía do Estado convertéronse en "avogados da familia".

O xefe da oposición garantiu que o PP seguirá pedindo explicacións a Pedro Sánchez sobre "os presuntos negocios que se fixeron no Palacio da Moncloa" porque España "é unha democracia" e "hai que dar conta do que ocorre nas instalacións do Goberno".

Comentarios