O BNG denuncia as cifras "récord" de mortes laborais e exixe ao PP que pida o traspaso da Inspección de Traballo

O deputado Ramón Fernández acusa a Administración galega de facer "ouvidos xordos" no relativo á sinistralidade laboral.
O deputado do BNG Ramón Fernández, esta sexta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG Ramón Fernández, esta sexta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Ramón Fernández denunciou esta sexta feira as cifras "récord" de sinistralidade laboral no país e reclamou ao PP que solicite o traspaso das competencias da Inspección de Traballo, "como xa fixeron Euskadi e Catalunya", logo de que o Senado aprobase en marzo pasado unha moción encamiñada a tal fin.

Fernández compareceu esta sexta en rolda de prensa para salientar os últimos datos do Ministerio de Traballo —até xuño—, que sitúan Galiza entre as tres comunidades con máis mortes laborais: 30.

"Esta nova vaga de mortalidade laboral, por causas, por sectores e por correntes, deixa á vista os dramáticos resultados deste comportamento da Xunta", censurou, ao tempo que acusou o Goberno que preside Alfonso Rueda de "autocompracencia" e de "falta de iniciativa política" tras a última resposta escrita, en xullo, por parte do Executivo galego ás preguntas do BNG sobre sinistralidade laboral.

Nesa resposta, desde San Caetano limitáronse a argumentar que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (Issga) "fai campañas específicas para o risco de caída en altura, para o sector pesqueiro e para o sector forestal". Para o parlamentario do BNG, esta resposta "obvia o máis importante": que as normas de prevención de riscos laborais "non se cumpren". Fernández lamentou que a Xunta "limite todas as súas actuacións" a que o Issga elabore documentación técnica de "boas prácticas".

"Nós non dicimos que o Issga deixe de facilitar guías e protocolos específicos aos diferentes sectores da economía galega, pero a Xunta, que é a autoridade laboral na Galiza, debería centrase en garantir que se cumpra a normativa que xa existe actualmente", esgrimiu, reiterando que a Administración galega fai "ouvidos xordos" no relativo á sinistralidade laboral.

Comentarios