Tras a pista de José Galán e Manuel Ramiro, os guerrilleiros asasinados en 1952 pola Garda Civil en Visantoña

Cando detectaron os axentes policiais intentaron fuxir iniciando un tiroteo con disparos e bombas de man que os obrigou a se recluíren novamente na corte, onde foron abatidos. Esta terza feira a ARMH iniciou os labores de busca dos corpos neste cemiterio do concello de Mesía para proceder á exhumación e entrega dos mesmos ás familias.
Á esquerda, labores de busca no cemiterio de Visantoña, en Mesía; á dereita, José Galán Núñez, unha das vítimas. (Fotos: ARMH)
photo_camera Á esquerda, labores de busca no cemiterio de Visantoña, en Mesía; á dereita, José Galán Núñez, unha das vítimas. (Fotos: ARMH)

O 22 de xuño de 1952 axentes da Garda Civil asasinaron a tiros os guerrilleiros galegos José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto cando se refuxiaban na corte da vivenda de Lino Lata Vázquez, quen lles dera protección económica meses atrás, en Visantoña (Mesía, comarca de Ordes). A presenza destes dous homes, os dous naturais de Culleredo (comarca da Coruña) e de perto de 30 anos de idade, nas inmediacións da casa de Lata fixera saltar as alarmas do corpo policial, que enviou ao lugar un destacamento de Visantoña, Xanceda (Mesía) e Ordes.

Cando os detectaron Galán e Ramiro, que estaban en compañía do tamén guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo, Simeón, intentaron fuxir iniciando un tiroteo con disparos e bombas de man que os obrigou a se recluíren novamente na corte, onde foron abatidos. Couto saíu cos brazos en alto anunciando a morte dos seus compañeiros e foi condenado nun Consello de Guerra, acusado de "formar partidas armadas dedicadas á bandidaxe e o terrorismo", a 30 anos de cadea.

Os corpos foron expostos —para a súa identificación— durante 24 horas no cemiterio de Visantoña, onde finalmente os soterraron, pasada unha semana, dentro dunha "foxa aberta ao efecto, distante dous metros da esquina dereita da parte posterior da Igrexa e un metro do muro de feche do cemiterio".

Partindo desta información recollida en diferentes documentos da época —consultados por Nós Diario— a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciou esta terza feira os labores de busca da citada foxa para tratar de dar cos cadáveres de José Galán e Manuel Ramiro e, nese caso, proceder á súa exhumación para entregalos ás familias e darlles "unha sepultura digna".

A choiva fixo acto de presenza no cemiterio parroquial ao fío das 9 horas, cando comezaron os traballos, que se prolongaron durante toda a xornada. A busca podería estenderse "outros dous ou tres días".

Apenas existe documentación biográfica a respecto destes dous guerrilleiros antes de se botaren ao monte para combater o franquismo. De Galán, coñecido tamén polos alcumes Dereito e Miguel, sábese que estivo integrado nos destacamentos Arturo Cortizas, Enrique Líster e Manuel Ponte e que participou activamente en diferentes actuacións da guerrilla como o incendio do Concello de Abegondo o 21 de xullo de 1948.

Manuel Ramiro, pola súa parte, decidiu sumarse á loita organizada contra a ditadura da man dos seus tíos Ramón Romay Ramoné e Josefa Ramiro Santos tras a deserción de Ricardo de la Fuente e para evitar que este os delatase ante a Garda Civil.

Comentarios