Opinión

Intervención de David Otero no acto da Fundación Alexandre Bóveda en Poio, o 17 de agosto de 2024

Bo día a todas e a todos.

Neste mediodía deste agosto de memoria, na presenza das e dos nosos mártires, na vixencia dun dos seus máis lexítimos referentes, Alexandre Bóveda, queremos, desde a Fundación Alexandre Bóveda, neste acto de firmeza memorial, darvos a nosa benvida e asemade transmitirvos o ben que nos causa tervos de cerca e sentirvos cómplices necesarios das nosas intencións de estudo, expansión e difusión, memoria e historia, de Bóveda patriota, cristián do que o seu verbo estivo sempre preto e acorde co pensamento de Xesús Cristo. Bóveda absolutamente demócrata, nacionalista, referente pois que nos convoca e aglutina. 

Dicirvos que na Fundación Bóveda, ímola virando, que estamos ben, e abofé , tamén dicirvos,  que sentiríamonos gustosos nun lexítimo orgullo daqueles que nos anunciaron “ imos cumprir” e cumpriron, e cumpren, pero tamén temos quen non, quen non cumpriron e así por eles non podemos sentir orgullo, aínda que si cumprirían noutras intencións. Mesmo poderán dicir “vencemos”. Pero referidos a nós, militantes en Alexandre Bóveda, nas perspectivas de recuperación da nosa memoria, digan o que digan, fabas moi contadas, nin cumpriron, nin venceron.     

Nós seguimos nas peaxes das necesidades e das precariedades e polo tanto velaí os nosos necesarios movementos de resistencia ás políticas destructoras e/ou paralizantes.    

Políticas que saben que as ignorancias tranquilizan, que as verdades van morrendo nas risiñas dos medos e que estes así conlevan perda de liberdade e se queda algo, mellor promovelo a olvido para que desapareza.        

Nada de incidir na esperanza, que se pode vivir ben coas mans en alto sen erguelas e cos pantalóns caídos sen necesidade de os baixar.
Canta marabilla sería deixar atrás o imposible e que a nosa realidade memorial fose por prazas, por quinteiros, por camiños e rúas, nas illas e nas arboredas, que camiñase viva e comprensiva, entre a nosa xente, participando no colectivo, no comunal e popular, movido e promovido, animado e mediado, pola acción coherente das nosas institucións e do noso gobernó galego. 

Como di Joseba Sarrionandía: "canta marabilla saber que nos doe o que nos fan, si…pero canta máis marabilla sería saber que facer Nós co que nos fan".

Pois…

A nosa dolor só foi onte?

E el como vai a nosa paciencia histórica?

Ten caducidade?

Para que isto se manteña…hai que facer o de sempre?

Precisamos ter toma de terra? 

Para poñer as cousas no seu sítio debemos consultar aos herdeiros das e dos vencedores? 

Certamente é difícil correxir o falso que se aprendeu como verdadeiro. 

Non iremos fartos da catadura tanto dos desmemoriados, como dos mentirosos? 

Arnaldo Otegui dinos: "Reinventémonos se for preciso, cambiemos de botas…non cambiemos de camiño”. 

E por iso lles reiteramos a vostedes o noso agradecer por estaren neste espazo de memoria, libre de ignorancia,aquí  connosco, voluntariamente. 

Estamos tamén aquí por sentir e valorar a dinámica vital que nos produce a figura patria de Alexandre Bóveda, que sempre levou con e nel, no seu facer de cada día, a virtude exemplar da defensa da liberdade democrática galega, nunca subiu ao andar dos privilexios, sempre mirou a realidade desde abaixo, á altura dos ollos, partindo dos que sofren, para atoparnos, e tamén aquí estamos nas exemplariedades vitais das e dos nosos mártires neste día tan  noso… Día aínda por recoñecer e declararna oficialidade decretada, Dia Nacional da Galiza Mártir.                            

Pero todas e todos seguen vivos no falar de cada día, en cada corazón militante na xustiza, na memoria, na liberdade.

Sen nunca deixar atrás o posible, nesa responsabilidade, velaí o noso sentilos e valoralos. Sentir e valorar no que declaramos a humildade do noso orgullo por así facelo. 

Non vimos para derrotar, nin vencer a ninguén. 

Tampouco por ir co “ sentidiño” que nos piden e que sabemos que iso lévanos á desesperanza e que abofé xa estamos fartos de enganos adornados de elegantes descaros,

Queremos desatar o que quedou atado e ben atado.    

Non imos apagar o tema. Non imos acalar a historia.    

Imos en espacial poñernos á altura, se for posible, das mulleres daqueles tempos, destes tempos, desestructuradas de familia, desconsideradas e desprezadas, maltratadas e violadas, mortas vivas, e así elas sempre firmes na grandeza da dignidade resistindo naqueles escuros tempos de tanta dolor como exemplos de altísima condición e dignidade… no medio daquel golpe de estado, daquela guerra, daquel xenocídio. Solidariedade e memoria para elas. 

Recordar tamén que este día non é un día de festa parrandeira.         

Nin un día de desfile de retóricas brillantes.                        

Como di o historiador Felipe Senén esta data, como outras máis, non o son datas para endomingar, nin para facelas valor de cambio. 

Este é un día memorial.    

Un día no que a nosa memoria galega, democrática, viva, xunto coa nosa historia, forman un patrimonio fundamental, vivo, rebelde,  e tamén…sabémolo…, incómodo.

Hoxe é un día para intuír futuro, mirando atrás, dentro e máis alá da nosa Patria.     

Día de render homenaxe memorial a todas e a todos quen perderon vida, tamén na propia vida, loitando pola dignidade deste noso Pobo para  conquistar a liberdade auténtica. 

As e os nosos mártires, Alexandre Bóveda, seguen vivos no pensamento e na palabra de cada día. Tamén en cada corazón militante na xustiza, na memoria, na liberdade, deste Pobo do Galego. 

Coa presenza de todas e todos vós, facedes deste día, un día posuidor dun fundamental contido e dunha fonda significación e así polo tanto, día trascendente para Galiza... hoxe aínda  cun algo de Institucións e con moito de Pobo. 

E así, permitídeme un breve salientar da relevancia de Alexandre Bóveda. Mártir que non caduca. Que non se olvida. 

El que intuía e entendía a política como fe e filosofía, pensamento, economía, arte e tradición, cultura e identidade, emocional e pasional, etc., pero tamén fráxil, delicada, vulnerable, e por encima de todo un exercício de solidariedade. Un enfrontamento de cada día coa realidade. 

E por iso e máis …Galiza precisaba unha transformación e tiña que ser urxente, por ser enorme. 

Transformación si…

Nada pequena

Posible

Chea de decisión honestas.

Querendo saber que facer co tempo que tiña

Que ninguén o fará por nós, pensaba.

Temos que conquistar Galiza, soñaba.

Abrazar o poder real que nos pertence, desexaba

E fagámolo con amor e rebeldía. 

Con loita e furia 

para que o tempo que dispomos sexa xusto

Por iso …Bóveda é crente. Cre en Galiza...  

Pois el, asasinado, encarna unha morte que nos fala sempre por darnos as boas horas, por sinalarnos os menceres que conquistar… para comezar as realizacións dos nosos soños.    

Bóveda é a memoria que esta nacendo sempre, aire que respirar, ditosamente vivo.    

Escoitemos seu nome. Fagamos á man a súa figura inocente…    recuperada, invocando a súa memoria.

Pois el… sementou vida e fixo obra, é exemplo. Bóveda… agarda que as novas xeracións, abondosas de rebeldía, deseñadoras de horizontes, de futuros, boten raíces na matria Terra. 

Para faceren Pobo                                    

Para faceren Nación

E Patria

E así...

a palabra non pode facerse silencio                            

a casa…                                            

non poderá nunca                                        

ficar baleira.

Viva Alexandre Bóveda,

VIVAN OS NOSOS MÁRTIRES. 

VIVA A NOSA MEMORIA NACIONAL GALEGA


David Otero, agosto 2024.

Comentarios