O Celta tira de épica con Aspas e Swedberg para levar a vitoria no inicio de liga en Balaídos

O fútbol galego iniciou esta sexta feira a súa andadura na competición profesional co encontro entre o Celta de Vigo e o Deportivo Alavés no Estadio Municipal de Balaídos. O sábado será o momento do Deportivo da Coruña, que regresa á categoría de prata, e do Racing de Ferrol, ambos os dous con partidos na casa. 
Douvikas e Aspas celebrando os seus goles. (Foto: RC Celta)
photo_camera Swedberg e Aspas celebrando os seus goles. (Foto: RC Celta)

A liga de fútbol en Primeira e Segunda División iniciou esta quinta feira a súa andadura nunha tempada que se presume intensa para os equipos galegos. O Celta, participando na máxima categoría, xunto co Dépor e o Rácing, na de prata, teñen por diante unha competición nada sinxela como recoñeceron en varias ocasións os seus adestradores na última semana. 

O primeiro conxunto galego en  debutar foi o Celta que recibiu onte o Deportivo Alavés en Balaídos nun Vigo caloroso, con temperaturas que chegaban aos 30º, o que provocou dúas pausas para hidratarse. Os de Claudio Giráldez non atoparon de inicio o seu lugar no terreo de xogo e mesmo puideron quedar no minuto 6 tras un cartón vermello a Iago Aspas por agresión a Antonio Blanco mais tras consultar o VAR a sanción quedou en amarela. A imprecisión dos celestes provocou que o Alavés se adiantara no minuto 17 cun gol de Kike García que, a pracer, batía un Iván Villar que asumía a portaría tras a lesión de Ristic no quecemento.

Tras os minutos de hidratación chegaría a xogada polémica pola anulación dun gol de Iago Aspas no minuto 42 tras a intervención do VAR. O pesadelo da tempada pasada paseouse por Balaídos até a chegada do descanso. No segundo tempo, os nervios continuaron e Giráldez levou o cartón amarelo por protestar. Tras varias ocasións dos celestes, primeiro de Aspas e despois de de Mingueza deron ánimos aos galegos que aproveitaron para empatar cun gol de Swedberg no minuto 66.

Con este marcador Balaídos elevou os ánimos e o Celta cercou a portaría vasca até conseguir o seu obxectivo cunha xogada de Aspas que rematou en gol no minuto 84 que colocaba aos celestes por diante no marcador. O marcador xa non se moveu certificando a vitoria celtista que remata a xornada como líder da Primeira División.  

O Dépor estréase no seu retorno a Segunda

Na categoría de prata, a cidade da Coruña vivirá este sábado a festa da agardada volta do Dépor ás categorías do fútbol profesional (Riazor, 19 horas). O seu rival será o Real Oviedo, un equipo nada fácil que a tempada pasada estivo a piques de conseguir o obxectivo do ascenso. Os branquiazuis contan de saída co apoio incondicional da súa afección, que case esgotou todas as entradas ao feche desta edición, e unha traxectoria de vitorias que conseguiu que os branquiazuis confirmaran estar en Segunda xa no mes de maio. 

O efecto campo estivo presente no bo xogo dos de Imanol Idiakez e isto debería notarse este sábado. Riazor foi o seu auténtico feudo, un campo no que desde outubro só o Celta Fortuna conseguiu gañar en liga. 

Mais desde o club son prudentes. O técnico vasco realizou onte o tradicional encontro cos medios de comunicación antes dos partidos e adiantou que non descarta xogar con cinco xogadores ofensivos como son “Yeremay, Mella, Barbero, Mario Soriano e Lucas Pérez que entran nun mesmo once". Idiakez sabe que o obxectivo é o ascenso polo que cre que primeiro "é recomendábel en Segunda que a xente pense en facer 50 puntos e a partir de aí subir”. Con todo, lembra que "nós temos un bo cadro de xogadores, pero hai grandísimos rivais” polo que considera que “temos que ser humildes, ir paso a paso". Ademais, o técnico admite que entre os máis complicados están "algúns que baixaron de Primeira e outros que levan moitos anos coa aspiración lexítima de subir".

No Racing agardan desde agora ter “un ano bo” 

O outro conxunto galego da categoría, o Racing, foi un dos equipos revelación da pasada tempada. Ás orde de Cristóbal Parralo, os xogadores pelexaron até as últimas xornadas polo acceso a subir a Primeira. Malia que non continúan no seu cadro nin Carlos Vicente nin Iker Losada, a escuadra reforzouse coa chegada Dorrio, Jauregui, Naldo, Aitor Gelardo, Álvaro Sanz ou Aitor Buñuel.

Onte, en rolda de prensa, Cristóbal Parralo aseguraba que afronta este inicio de liga “coa mesma ilusión que cando cheguei o primeiro día”. Na que será a súa quinta tempada dirixindo os Diaños Verdes, o adestrador andaluz recoñece que ten “moitos soños aínda por cumprir” polo que tentará “facer o mellor posíbel o meu traballo” coa idea de que “o equipo siga funcionando tan ben como até agora”. En relación á tempada que agora comeza, asegura que desde o corpo técnico saben que é un ano moi complicado e moi difícil”. Por este motivo, admite que teñen “esa incerteza de ver como vai saír”. Con todo, a idea de Parralo vai ser “tentar que o ano sexa bo” para que a afección verde “siga a sentirse orgullosa do seu equipo”.    

Supercopa da Galiza

Alén do fútbol profesional, este domingo decorrerán os partidos de volta das semifinais da Supercopa Galiza que enfrontarán o Verín co San Tirso (coa vantaxe dun gol dos segundos no partido de ida) e o Areas co Escairón (gañou o equipo do Condado por un gol no encontro de ida). O campión desta segunda edición da Supercopa –o ano pasado foi o Portonovo SD– accederá de forma directa á eliminatoria previa da Copa do Rei.

Comentarios