"Estabamos atónitos, non o podiamos crer": esta é a verdadeira orixe das pedras de Stonhenge

A pesada pedra do altar do monumento megalítico Stonehenge, que se atopa perto de Amesbury (Inglaterra, Reino Unido), procede de Escocia e non de Gales como se cría até o de agora, segundo un artigo publicado esta semana na revista Nature.
O monumento megalítico de Stonhenge, en Inglaterra. (Foto: Oliver Taylor)
photo_camera O monumento megalítico de Stonhenge, en Inglaterra. (Foto: Oliver Taylor)

A pesada pedra do altar do monumento megalítico Stonehenge, que se atopa perto de Amesbury (Inglaterra, Reino Unido), procede de Escocia e non de Gales como se cría até o de agora, segundo un artigo publicado esta semana na revista Nature.

O equipo investigador utilizou equipos de última xeración para examinar a composición da pedra —que pesa seis toneladas— e descubriu unha gran similitude entre esta e a antiga arenisca vermella da bacía das Orcadas, no nordés de Escocia.

"Dadas as súas orixes escocesas, os achados expoñen preguntas fascinantes, considerando as limitacións tecnolóxicas da era neolítica, sobre como unha pedra tan enorme foi transportada por grandes distancias ao redor do 2.600 a. C.", declarou Anthony Clarke, membro da Universidade de Curtin (Australia) e autor principal do estudo. "Estabamos atónitos, non o podiamos crer", expresou o investigador.

Pola súa parte, Christopher Kirkland, colega de Clarke que tamén participou na investigación, apuntou que transportar unha carga desas dimensións por terra desde Escocia até o sur de Inglaterra sería "extremadamente desafiante", o que indica unha probábel ruta de envío marítimo ao longo da costa de Gran Bretaña durante o período do Neolítico.

O monumento

Stonehenge é un monumento neolítico (crómlech) ou da idade de bronce situado perto de Amesbury en Wiltshire, Inglaterra, a uns 13 quilómetros ao noroeste de Salisbury. Trátase dun monumento megalítico probabelmente construído como templo-calendario. Está situado cronoloxicamente no período neolítico ou na Idade de bronce.

En inglés antigo a henge dáselle o significado de precipicio, ou pedras colgantes, polo que os stanenges ou Stanheng son un lugar "non lonxe de Salisbury". Nun gravado do século XI os escritores chámanas "pedras apoiadas".

Stonehenge está formado por catro círculos concéntricos de pedras. O círculo exterior, de 30 metros de diámetro, está formado por grandes pedras rectangulares de gres, que orixinalmente estaban rematadas por linteis tamén de pedra, quedando hoxe en día só catro no seu sitio.

Comentarios