Os actos en memoria das vítimas do fascismo esténdense polo territorio

Lugo e Ribeira xa lembraron as represaliadas polo Día da Galiza Mártir.
Maite Ferreiro, Efrén Castro e Rubén Arroxo, os tres no centro, esta cuarta feira, no Vello Cárcere de Lugo. (Foto: Concello de Lugo)
photo_camera Maite Ferreiro, Efrén Castro e Rubén Arroxo, os tres no centro, esta cuarta feira, no Vello Cárcere de Lugo. (Foto: Concello de Lugo)

O sábado 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, efeméride instaurada con motivo do aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda en 1936 a mans da ditadura franquista, o pobo galego lembra as vítimas do fascismo. A proximidade da data intensifica os actos de lembranza das persoas represaliadas, impulsados tanto desde Concellos como desde colectivos políticos e sociais.

Esta cuarta feira, en Lugo, unha homenaxe institucional decorrida no Vello Cárcere lembrou todas as persoas represaliadas polo franquismo. No acto, organizado polo Concello en colaboración coa Deputación de Lugo con motivo do Día da Galiza Mártir, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou o compromiso do Goberno local para "continuar a manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais".

Con esta acción, tanto o Concello como a Deputación buscan "dar un paso máis" na rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, vítima dun falso proceso xudicial en Pontevedra en 1936, e "de todas as persoas mártires da liberdade que el simboliza na memoria histórica e democrática do pobo galego". Ferreiro, que tamén deu lectura ao manifesto elaborado pola Fundación Alexandre Bóveda polo Día da Galiza Mártir deste 2024, personalizou a celebración deste 17 de agosto en Rafael de Vega, lucense que foi encarcerado no Cárcere de Lugo e executado o 21 de outubro de 1936 tras un xuízo que o Goberno do Estado español declarou hai poucos días como "ilegal e ilexítimo".

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, destacou a figura de Bóveda como "un símbolo das persoas que loitaron contra o réxime fascista". Para Castro, "as institucións públicas debemos honrar todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego".

Homenaxes no Barbanza

Tamén esta cuarta feira, un acto organizado polo BNG de Ribeira lembrou Bóveda, Manuel Lustres Rivas, xornalista e escritor ribeirense asasinado polo franquismo, e todas as represaliadas da vila. Na homenaxe participaron o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Xan Hermida, e o escritor Carlos Callón.

Ademais, o Concello da Pobra do Caramiñal sumarase este sábado aos actos que decorrerán por todo o territorio galego arredor do Día da Galiza Mártir. Ás 11.30 horas, realizarase unha ofrenda floral nos xardíns de Valle-Inclán, a carón da escultura pola memoria histórica, "unha homenaxe a todas as vítimas do franquismo", en palabras da concelleira de Memoria Histórica, Patricia Loxo.

Ás 19.30 horas deste mesmo sábado, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Asociación Veciñal Oza-Gaiteira Os Castros conmemorarán tamén o Día da Galiza Mártir ante o monumento dedicado a Bóveda, nun acto no que intervirá a escritora Montse Fajardo.

Ánxel Casal

Pola súa parte, o BNG de Compostela lembrará Ánxel Casal a vindeira segunda feira, 19 de agosto. Un acto no que intervirán a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, e a deputada da formación nacionalista no Parlamento galego Iria Carreira, homenaxeará o alcalde nacionalista asasinado en agosto de 1936 polo fascismo español. O evento decorrerá a carón da estatua erixida na honra de Casal situada xunto á Biblioteca Pública que leva o seu nome.

AC Os Torgueiros da Gudiña

A AC Os Torgueiros da Gudiña organiza tamén este sábado —na Casa da Viúva— a súa terceira Xornada pola Memoria, Xustiza e Reparación, na que, como xa se ven facendo nos últimos anos, serán homenaxeados Xosé Luís Bouzas, o mestre de Flariz asasinado na Poula do Martiño, en Pentes, e a Anunciación Casado, A Pasionaria de Viana, asasinada na curva das Revendeitas.

Bouzas, mestre na escola de Flariz, no concello de Monterrei, foi sacado da aula e, posteriormente, queimado e asasinado no lugar da Poula do Martiño, na parroquia de Pentes, no municipio da Gudiña, o 1 de setembro de 1936.

E no caso de Anuncia o franquismo desenvolveu toda unha cacería para rematar coa súa vida. Unha represión a sangue e lume que privou a toda a súa familia dos bens, estivo a piques de rematar coa vida do seu fillo maior de 16 e acabou coa súa execución en 21 de agosto de 1936. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios