Un panteón dinástico para un reino de seu

É unha testemuña máis do primeiro reino medieval de Europa. Acolle as sepulturas de cinco xeracións diferentes da monarquía galega, que tanto mandou na península durante perto de 1.000 anos. O Panteón Real da Catedral de Compostela é unha visita inescusábel para coñecer a historia de nós
Tumba de Afonso VIII no Panteón dos Reis da Galiza, 
na Catedral de Santiago. (Foto: Xan Muras)
photo_camera Tumba de Afonso VIII no Panteón dos Reis da Galiza, na Catedral de Santiago. (Foto: Xan Muras)

O  Panteón Real da Catedral de Compostela correu a mesma sorte de silencio imposto que o Reino da Galiza. Malia que o espazo oficialmente coñecido durante centos de anos como a Capela das Reliquias alberga desde o século XVI o enterramento dunha parte dos monarcas galegos, a súa existencia social mantívose agochada malia daren conta da mesma os máis destacados historiadores do país dese o século XIX. Só a presión social e a mobilización impulsada desde hai máis de dúas décadas pola Agrupación Cultural O Galo permitiu iniciar o proceso de recuperación e posta en valor do espazo.

A raíña Berenguela é unha das monarcas soterradas no Panteón Real. Filla do rei catalán Ramón Berenguer III 'O Grande' e da raíña Dulce de Provenza e irmá do monarca de Catalunya Ramón Berenguer IV, casou en 1128 co emperador galego Afonso VII, nacendo do seu matrimonio unha ampla xinea de monarcas que rexeron en Francia, Nafarroa, Castela ou Galiza. A raíña xogou un papel importante na gobernanza do reino galego, partillando co seu marido o proxecto político dunha Galiza hexemónica no espazo cristián peninsular.

 Afonso VII, fillo de Raimundo de Borgoña e da raíña Urraca, foi coroado rei con sete anos na Catedral de Compostela o 17 de setembro de 1111. Monarca de nacemento, formación e práctica galega, actuou como instrumento ao servizo das súas clases dirixentes, sumando aos territorios do vello reino galego, desde o Cantábrico até o río Mondego e desde o Atlántico até o río Pisorga, un amplo espazo político que abarcaba no extremo noroccidental os Perineos e no sur as terras de Baeza e Ubeda, na actual Andalucía.

O conde de Traba

O aio, titor e principal impulsor do proxecto político defendido por Afonso VII é a única persoa de orixe non rexia soterrada no Panteón Real da Catedral de Compostela: o conde de Traba, Pedro Froilaz. Fillo dun dos grandes apoios do rei García, Froila Bermúdez, e da súa esposa, Elvira de Faro, era a cabeza da nobreza civil do reino e auténtico xefe do partido galego, que marcou os destinos do espazo cristián peninsular naquel decisivo período. 

O fillo de Berenguela e Afonso VII, Fernando II, escolleu, tamén, a Catedral de Compostela, en cuxo impulso e construción resultou decisivo, para o seu enterramento. Precisamente, a edificación dun templo da magnitude do compostelán respondeu a súa vontade, continuada polo seu fillo e sucesor Afonso VIII, de erguer o santuario nacional do seu reino e dotalo seu propio panteón dinástico. 

Fernando II, alcumado despectivamente 'O galego' por leoneses e casteláns, educado como seu pai na casa dos Traba, gobernou para garantir a hexemonía galega no espazo cristián peninsular. Nesta liña, destacou polo diálogo e por unha relación fluída cos territorios peninsulares de cultura árabe e polo seu impulso ás cidades e a vida urbana, no marco dun proxecto político destinado a converter  Galiza nunha grande potencia comercial. Neste sentido, o seu nome está asociado á fundación e rexurdimento de localidades como Pontevedra, Lugo, Tui, Padrón, Noia ou Ribadavia.

Fernando Afonso

O herdeiro e sucesor de Fernando II, Afonso VIII, errónea e interesadamente designado pola historiografía españolista como Afonso IX, continuou a tradición dos seus devanceiros elixindo o Panteón Real da Catedral de Compostela para soterrarse. Seguidor do programa político do seu pai, mantívose como un instrumento do partido galego no ámbito ibérico e europeo, apostando pola actividade mercantil e aparecendo como o pai do parlamentarismo en Europa, recoñecendo a Unesco en 2012 “o corpus documental dos Decreta” de 1188 elaborado polas cortes convocadas polo monarca galego como a referencia “ao sistema parlamentario europeo máis antigo que se coñece”. 

O reinado de Afonso VIII estivo marcado polo enfrontamento continuado con Castela e a loita por garantir a continuidade dunha Galiza independente. Os litixios dos galegos e das galegas co reino castelán obrigou o monarca a tecer diversas alianzas no ámbito peninsular para debilitar o peso castelán , até pór en marcha en 1191 o pacto de Huesca, unha liga impulsada por Afonso VIII co apoio dos reinos de Portugal, Nafarroa e Aragón para loitar contra Castela. O seu falecemento en 1230 en Sarria representa o punto de partida do proceso de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelán.

As esperanzas do rei galego para darlle continuidade ao seu proxecto político e manter a independencia da Galiza fronte a Castela estaban postas no seu primoxénito e herdeiro, Fernando Afonso, nado do seu matrimonio coa súa curmá, Tereixa de Portugal.

A morte en 1214 do seu fillo Fernando Afonso supuxo un duro golpe para os deseños de Afonso VIII, nun contexto dun enfrontamento cada vez máis forte con Castela, apoiada polo Císter e o Vaticano, que chegou mesmo a ditar excomuñón do monarca galego e anular o seu casamento con Tareixa, expresión do pacto galego portugués contra a coroa castelá. Precisamente, Fernando Afonso, morto con 22 anos, é outro dos membros da coroa galega soterrado no Panteón Real de Compostela.

A historia da Galiza estivo marcada nos 250 anos que seguiron á morte de Afonso VIII pola loita contra Castela. Neste contexto, a proposta política que articulou a rebelión galega neses dous séculos e medio aspiraba a rectificar o  proceso iniciado en 1230, apostando por unha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos. A loita representaba a aposta das clases dirixentes galegas por seguir desenvolvendo as súas potencialidades nacionais fronte a unha Castela que tentaba anulalas.

Xoana de Castro

O momento máis decisivo nese conflito de séculos desenvolveuse na segunda metade do século XIV,  cunha rebelión  de carácter nacional popular que se alongou desde 1357 até 1386, onde destacou a figura de Fernán Ruiz de Castro como cabeza da familia dos Castro, a máis importante da oligarquía galega. Unha irmá deste e peza chave neste conflito, Xoana de Castro, casada co rei castelán Pedro I é outra das persoas soterradas no Panteón Real.    

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios