París 2024

O fútbol (e a liorta) pre inauguran os Xogos... cun gol anulado dúas horas despois

O VAR anula dúas horas despois o gol co que Arxentina conseguía o empate no partido inaugural ante Marrocos.
O VAR anulou o empate arxentino pasadas dúas horas. (Foto: COI)
photo_camera O VAR anulou o empate arxentino pasadas dúas horas. (Foto: COI)

O deporte rei foi o protagonista esta cuarta feira da pre estrea —a cerimonia de inauguración decorrerá esta sexta feira— dos Xogos Olímpicos de París da man dos partidos que enfrontaron as seleccións masculinas de España e Uzbekistán, por unha parte, e Arxentina e Marrocos, por outra. E este último encontro foi o protagonista inesperado da xornada. De "drama", "escándalo" e "bochorno" cualificou a prensa arxentina o que aconteceu: Cristian Medina logra un agónico empate nada menos que no décimo sexto minuto do tempo de desconto e o VAR terminouno anulando... dúas horas despois.

Após o gol, as forzas de seguridade non puideron conter a multitude que invadía o campo e lanzaba todo tipo de obxectos ao céspede —nomeadamente por parte da bancada maioritaria, a de Marrocos— e o colexiado suspendeu o encontro, que se reanudou finalmente para confirmar a anulación do tanto e certificar a derrota da albiceleste (1-2).

Co mesmo marcador, mais sen altercados, concluíu o choque entre os combinados uzbeko e español, este último conseguindo o triunfo no minuto 62 cun gol de Sergio Gómez que desfacía o empate.

E continuando co 'planeta fútbol', ao feche desta edición remataran os partidos entre Exipto e República Dominicana (0-0), Guinea e Nova Zelandia (1-2), Iraq e Ucraína (2-1) e Xapón e Paraguai (5-0).

Rugby

Esta cuarta feira tamén se disputaron os primeiros encontros da fase de grupos de Rugby-7, salientando o dobre triunfo de Irlanda ante Suráfrica primeiro (10-5) e Xapón posteriormente (40-5). Francia, a anfitrioa, empatou cos Estados Unidos (12-12) e venceu a Uruguai (19-12).

Comentarios