A CRÓNICA | Triunfo sobre o Sporting de Xixón dun Celta moi discreto

Novo triunfo de pretempada para o Real Club Celta, nesta ocasión sobre un Sporting de Xixón que demostrou por que estivo a piques de ascender a Primeira a pasada tempada. Os asturianos puxéronllo moi difícil a un Celta impreciso que, pese a non ofrecer a súa mellor versión, logrou o obxectivo.
O porteiro Marc Vidal (primeiro pola esquerda) volveu ser titular na meta da escuadra olívica. (Foto: RC Celta).
photo_camera O porteiro Marc Vidal (primeiro pola esquerda) volveu ser titular na meta da escuadra olívica. (Foto: RC Celta).

A Cidade Deportiva Afouteza, en Mos, acolleu durante esta terza feira o terceiro compromiso de pretempada do Real Club Celta de Vigo, logrando un triunfo pola mínima (2-1) sobre o Sporting de Xixón que non pode ocultar a irregular imaxe que ofreceron os pupilos de Claudio Giráldez.

Pese á intensa calor, superior aos 30 graos, que padeceron, o propio técnico olívico evitou as escusas no tradicional 'canutazo' despois do partido ao recoñecer que houbo "demasiadas cousas negativas", en especial unhas imprecisións defensivas que custaron o primeiro tanto do encontro -materializado por Caicedo no minuto 7- e ben puideron provocar un segundo e até un terceiro tanto asturiano.

Mais non todo foron sombras. Douvikas, autor do gol do empate no '26 logo dun extraordinario control na área a asistencia dun Swedberg que tamén destacou, volveu demostrar que está chamado a ser o home-gol deste Celta. Ademais, Cervi (que subiu o definitivo 2-1 ao marcador no '86), Pablo Durán ou Carles Pérez tamén brillaron. 

Manu Sánchez, 'out'; Tatiana Cruz, 'in'

O Celta estivo activo non só sobre o terreo de xogo, senón tamén nos despachos, pois no día de onte fechou dúas operacións.

Unha é a cesión do lateral esquerdo Manu Sánchez ao Deportivo Alavés, un conxunto chamado a pelexar coa escuadra olívica pola permanencia. Sánchez por rumbo a Vitoria en calidade de cedido logo dunha única tempada en Vigo, onde chegou como parte da operación de traspaso de Javi Galán ao Atlético de Madrid.

A pesar de disputar 28 encontros ligueiros -en boa parte polas constantes lesións de Ristić- e repartir cinco asistencias, non logrou facerse coa confianza de Claudio Giráldez.

Polo contrario, nas Celtas non hai saídas, senón un constante regueiro de chegadas para configurar o primeiro cadro de xogadoras da súa historia. A última foi Tatiana Cruz, unha centrocampista de 20 anos que o ano pasado xogou no Tenerife B.

Comentarios