O fútbol gaélico dá por superada a crise da Covid-19 catro anos despois

Recuperou o número de licenzas que tiña en 2019.
O número de xogadoras federadas ascendeu até 407. (Foto: Gaélico Galego).
photo_camera O número de xogadoras federadas ascendeu até 407. (Foto: Gaélico Galego).

O ano 2020 foi o máis duro na historia recente do fútbol gaélico. O único deporte no que a Galiza pode competir oficial e internacionalmente viña vivindo un gran auxe desde a súa introdución no país por parte de Wenceslao 'Wences' García unha década antes. Non obstante, a irrupción da pandemia da Covid-19 afectouno incluso máis que a outras disciplinas, ficando "nunha situación moi complexa", como explicaran alá por novembro de 2020 representantes da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) a Nós Diario, producíndose o temor a que "este deporte, que é un proxecto de país" chegase a desaparecer.

Afortunadamente, a progresiva mellora da situación sanitaria e a desaparición das medidas restritivas asociadas á pandemia foi paralela á recuperación no número de licenzas de practicantes de gaélico, que, por fin, está "en cifras pre Covid".

Segundo os últimos datos da AGFG, o fútbol gaélico ten 407 practicantes federados, dos cales 204 masculinos, 105 femininas e o resto, 98, menores de 18 anos de ambos os sexos. 

De cara a esta recuperación, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico puxo en valor os cinco torneos de ámbito nacional que organizou (o Torneo de Trazo Feminino, o Torneo 7S da Estrada, o Gaélico Praia de Sada, o Torneo Celtic Cup e o Torneo Reconquista de Vigo), así como os 143 encontros que se desenvolveron no último ano correspondentes á Liga Galega (85), o All-Galiza (11), o Shield All-Galiza (11), a Copa Galega (26) e a Liga Máster (10).

Este organismo tamén destacou a tarefa que realizan todas as persoas implicadas na iniciativa Gaélico Escolas PuntoGal, "que achegouno a preto de 2.200 nenos e nenas galegos con unidades didácticas que se impartiron en centros escolares", algo vital para "facer canteira".

Comentarios