Ribadavia estrea teatro inclusivo da man do CDG e Culturactiva

O Centro Dramático Galego e Culturactiva coproducen 'Nada se sabe', no que catro intérpretes con discapacidade  dialogan co Filoctetes de Sófocles en versión de Manuel Lourenzo.

Unha escena de 'Nada se sabe'. (Foto: Culturactiva)
photo_camera Unha escena de 'Nada se sabe'. (Foto: Culturactiva)

Esta segunda feira, 22 de xullo, presentouse en Ribadavia o espectáculo Nada se sabe, a primeira obra de teatro inclusiva, impulsada polo Centro Dramático Galego xunto coa cooperativa Culturactiva. Á rolda de prensa de presentación asistiron Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatrode Ribadavia, Nacho García e Fran Rei, directores escénicos do espectáculo, Corina Mañá, actriz, acompañados de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil. 

Catro intérpretes con discapacidade cuestionando sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferencia que facemos como sociedade. Esta é a premisa da que parte Nada se sabe, dirixida por Ignacio García e Fran Rei, con texto orixinal de Manuel Lourenzo.

A 40ª Mostra de Teatro de Ribadavia acollerá a estrea deste espectáculo, o 26 de xullo ás 23 horas no Auditorio "Rubén García” do Castelo.  Sobre o escenario, catro intérpretes: Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Mañá, Elvis García Torres e Alba Chao García, todos eles actores e actrices con discapacidade, que dialogan coa figura clásica de Filotectes, un heroe grego apartado na Illa de Lemno a causa dunha ferida fedorenta, pero que despois será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través dese diálogo, cuestiónase o que se sabe e o que non sobre a discapacidade, o que se entende por integración e sobre como a sociedade xestiona a diferenza.

Nada se sabe é unha proposta integradora no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia, formulado como dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo. 

Nada se sabe contará con servizos de accesibilidade  de diferentes tipos: visita táctil previa á función, destinada a que as persoas invidentes fagan un percorrido polos elementos físico do espectáculo, isto é, escenografía, vestiario e elenco; un servizo de audiodescrición tamén para invidentes, e interpretación en Lingua de Signos durante a función. 

Comentarios