O Pico Sagro volve revelarse como epítome da nación

O Pico Sagro, lugar de peregrinaxe do pobo desde tempos inmemoriais, volve acoller a lectura do Alba de Gloria de Castelao —co acto organizado, un ano máis, pola Agrupación Cultural O Galo e a Asociación Cultural Vagalumes— para transformarse en símbolo e compendio dos valores dunha nación fértil en mitos, historia e patrimonio.
Acto de lectura do ‘Alba de Gloria’ no Pico Sagro o ano pasado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de lectura do ‘Alba de Gloria’ no Pico Sagro o ano pasado. (Foto: Nós Diario)

A historia é coñecida: en 1924, cando a ditadura de Primo de Rivera prohibía celebracións de carácter nacionalista, Castelao viaxou desde A Estrada, a terra da súa muller, Virxinia Pereira, até o Pico Sagro. Con el ían Manuel García Barros, Otero Abelleira, Manuel Castedo, Manuel Nodar, Manuel Sinde e o fotógrafo Pedro Brei. Foi unha forma case clandestina de celebrar o Día da Patria Galega que se repetiría dous anos despois, cando chegaron ao Pico Sagro en peregrinación a Santiago desde Ourense Vicente Risco, Ramón Otero Pedraio, Antón Sánchez e Xavier Prado Lameiro. En Silleda uníranselles Florentino Cuevillas e Alfonso V. Monjardín. Alí agardábanos varios membros do Seminario de Estudos Galegos, como Lois Tobío ou Martínez López.

Ken Keirades (García Barros) narraría a viaxe de 1924 en diferentes publicacións galegas -como Vida Gallega- ou da emigración. E Manuel García Barros na súa "Lembranza do Pico Sacro" lembra días risoños e inda esperanzados nos que compara a represión que sufrían naquela altura, "que tiñamos por mala", coa ferocidade da que viría despois do golpe de Estado fascista de 1936.

A idea que albergaban todos eles era a de refuxiarse nun espazo que, superando a conxuntura política, conservaba todo o seu esplendor como símbolo dun país de seu, acollendo nel un depósito mítico e cultural que testemuñaba a riqueza da súa historia. Un lugar no que sedimentaran mitos e lendas e cuxo patrimonio xa eloxiaran Marcial Valladares, Murguía, López Ferreiro ou Curros Enríquez, entre moitos outros.

Castelao volveu imaxinariamente sobre aquela primeira viaxe ao redactar, no exilio, unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de Gloria, discurso de celebración do Día da Patria Galega que leu o 25 de xullo de 1948, no acto central do Centro Galego de Bos Aires. Nela fala dun posíbel "culto panteísta que ten por altar o Pico Sagro".

 

Símbolo da nación

En 2011, cando se celebraba o 125 aniversario do nacemento de Castelao, as Asociacións Culturais Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago de Compostela recuperaron aquela referencia da tradición para fixar no calendario unha conmemoración que sirva de prólogo á celebración do Día da Patria Galega e cuxo acto central é a lectura do Alba de Gloria -cada ano por unha asociación invitada que neste 2024 será a Asociación Cultural Lucenza e Ateneo de Nigrán-.

O acto acompáñase de diversos actos como a visita á cova da raíña Lupa -cuxa historia vincula o lugar á tradición xacobea-, o izado da bandeira, un xantar de confraternidade e charlas e roteiros que ilustran os múltiples valores mitolóxicos, históricos, naturais e paisaxísticos do lugar.

A suba ao Pico Sagro terá lugar hoxe, 20 de xullo, e estará precedida polo tradicional discurso de benvida que, nesta ocasión, estará a cargo de Felipe-Senén, colaborador de Nós Diario, ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, museólogo e historiador da cultura galega que é responsábel dunha ampla obra ensaística sobre o país.

"Un país cunha grande historia e con grandes mitos como o noso precisa dun lugar emblemático, unha paraxe grandiosa e simbólica que represente esa grandeza", declara Felipe-Senén a Nós Diario. "E ese lugar é o Pico Sagro. É importante que exista ese espazo que resuma e faga recoñecíbel para todos e todas a idea de nación galega". O Alba de Gloria adquiriu unha significación especial non só por ser unha das pezas discursivas máis belas de Castelao, senón tamén por ser lido nun momento en que as palabras do rianxeiro resumían os anhelos de esperanza para un país que pasaba por un período especialmente cruel e desalentador.

Ilustración inédita da suba ao Pico Sagro, de Felipe-Senén para 'Nós Diario'. (Foto Felipe Senén)
Ilustración inédita da suba ao Pico Sagro, de Felipe-Senén para 'Nós Diario'. (Foto: Felipe Senén)

Os tempos afortunadamente, non son os mesmos, pero segue sendo necesario defender a ilusión -afirma o encargado de recibir os participantes no ascenso- ante os atropelos que asoballan o país.

"A suba ao Pico Sagro non é só unha romaría, que tamén o é. Hai moito máis. O meu discurso de benvida será unha chamada a recuperar o común: a auga que nos quere roubar a macrocelulosa que pretenden instalar no corazón do país [a pasteira de Altri na Ulloa]; a terra que nos arruínan co monocultivo do eucalipto; e mesmo o vento do que se apropian inzando de muíños eólicos por toda a nosa xeografía", declara Senén. 

"Se cadra hai que volver ao significado profundo das palabras. Se ser separatistas é querermos separarnos dos que espolian o país, se ser comunista é defender o común, pois teremos que aceptar que somos ambas as cousas", engade con ironía.

Senén, ademais, faise eco de todas as resonancias culturais presentes no Pico Sagro: desde o seu papel no mito xacobeo -coas derivadas de ser Compostela o lugar de confluencia dos camiños de Europa-, até o misticismo cabaleiresco da Idade Media que dá lugar á cultura panceltista e atlántica que Castelao recoñecía como un dos sinais de identidade da Galiza.

Ilustración inédita da suba ao Pico Sagro, de Felipe-Senén para 'Nós Diario'.  (Foto Felipe Senén)
Ilustración inédita da suba ao Pico Sagro, de Felipe-Senén para 'Nós Diario'. (Foto: Felipe Senén)

"Esa suba a pé ao monte, esa peregrinatio", apunta Senén, "non deixa de ser unha réplica do Camiño, que resume no seu itinerario os fundamentos da nosa cultura: o panceltismo e o cristianismo primitivo, o que estaba presente no culto priscilianista e que, dalgunha maneira, continuaron Basilio Álvarez, Moncho Valcarce ou Francisco Carballo: unha forma de humanismo que se resume, aínda que pareza un tópico, na frase de os bos e xenerosos".

En todo caso, Felipe-Senén anima a continuar unha tradición porque "a cultura non hai que endomingala nin macdonalizala, temos que regresar a un concepto de cultura que, desde a memoria, teña a vista posta nun futuro que non quere globalizarse", conclúe.

Comentarios