O RELATO DO VERÁN

Bieito Iglesias: 'Na Galiza non nos limitamos a emigrar en certas épocas, houbo unha completa diáspora'

Bieito Iglesias continúa co herdo dos relatos do caderno Máis deste verán. Publicarase por entregas desde a vindeira terza feira, 23 de xullo, até o sábado 27. Doce como o favo do mel presenta un episodio histórico que marcou a historia da Galiza, a compra de escravos galegos para traballar os campos de azucre en Cuba.
O escritor Bieito Iglesias afonda no seu relato que se poderá ler a vindeira semana no 'Máis'. (Foto: C. Arxina)
photo_camera O escritor Bieito Iglesias afonda no seu relato que se poderá ler a vindeira semana no 'Máis'. (Foto: C. Arxina)

—O relato sitúanos na aldea de Bamio, en Ourense. A que se debe esta escolla se os feitos pasaron en moitas zonas da Galiza?
É certo que foron moitos os que emigraron e a maioría eran de zonas da costa, xa que non se tiñan que desprazar para chegar ao porto. Seguro que moi poucos eran de aldeas de Ourense, pero decidín escoller esta localización xeográfica porque Urbano Feijóo Soutomaior, o terratenente do relato, si que era do lugar que eu describo nesta historia.

Entón, no meu imaxinario, penso que algún dos seus xornaleiros tamén foi nesa expedición a Cuba. Este home non adoitaba vivir na Galiza, tiña capataces que xestionaban as súas terras. Bamio é ademais un escenario que me resulta familiar porque meus avós son dunha parroquia preto de alí.

—Que hai de real en Desiderio, o protagonista do relato?
Non me baseei en ningún exemplo en concreto, pero creo que todo o que lle ocorre puido ser real. Facía traballos da época e tiña conflitos cos capataces. Son feitos propios deses anos. Algunha das escenas relatados son cousas que me contaron meus avós. O relato sitúase en 1852 e o seu fondo histórico-social é real. Con todo, o personaxe ten certa invención, porque claro, se non sería xornalismo e non literatura.

—Cales foron as fontes e inspiracións para escribir Doce como o favo da mel?
As fontes son maioritariamente orais. De feito, quixen escribir o relato co galego que se falaba nesa época para ambientar máis ao lector na historia. Con todo, teño fontes escritas, como a novela de Bibiana Candia, Azucre, que narra estes feitos pero dunha forma literaria. O sociólogo brasileiro, Gilberto Freire, tamén relatou este episodio histórico, pero no Brasil.

—O protagonista é enviado a Cuba como escravo. Hai nos feitos relatados certa alegoría da constante emigración galega ao longo da historia?
A miseria era algo moi común na Europa rural, pero si que é certo que a emigración era moi particular na Galiza. Nós non nos limitamos a emigrar en certas épocas. Houbo unha completa diáspora de emigrantes. En outras partes de Europa a emigración parou no século XX, pero na Galiza seguiu ata os anos 60 aproximadamente. Se non foron, os avós, foron pais ou tíos. Calquera persoa á que lle preguntes tivo familia emigrada. 

—Ademais dunha conexión coa escravitude e o noso pasado migrante, que é o que poden atopar os lectores e lectoras neste relato?
O episodio histórico que se conta pódese atopar en moitos artigos. Pero penso que os lectores poden atopar un reflexo de como se falaba e como se vivía naquela época. Tamén coñecer cales eran as emocións e os conflitos psicolóxicos, non só os sociais, que se vivían daquela. Aparece a vida cotiá. É unha especie de viaxe ao pasado producido pola fala da xente de Ourense, esta especie de 'dialecto'. 

As palabras teñen a maxia de que te levan, entón gustaríame que a xente viaxara con este relato e que descubrira que non é verdade que eramos ananos a hombreiros de xigantes pero tampouco o é que foramos xigantes a hombreiros de ananos. Simplemente, era un mundo distinto ao de hoxe en día.

Máis en CULTURA
Comentarios