MÁIS

Galiza mora no Roi Xordo

Gastronomía de proximidade e lecer musical no corazón de Allariz.
O Gastro-Café Roi Xordo, no local do antigo Bar Ferreiriño. (Foto: Roi Xordo)
photo_camera O Gastro-Café Roi Xordo, no local do antigo Bar Ferreiriño. (Foto: Roi Xordo)

No corazón de Allariz (Ourense) atópase o Roi Xordo, un café que combina a gastronomía do país con concertos e exposicións para promover a nosa cultura. O Roi Xordo naceu a partir dunha asociación homónima, creada aló polos anos 80 por un grupo de mozos alaricanos. Buscaban achegar diferentes actos culturais e festivos á vila, ademais de difundir a realidade da Galiza como Nación. Foi así como, uns anos despois, decidiron crear este espazo gastronómico e cultural. 

O café está situado no antigo Bar Ferreiriño, mais aínda conserva a esencia que tanto caracterizaba a este local. Na actualidade, o Roi Xordo está xestionado pola Taberna do Pepiño, que conta con varios restaurantes en toda a vila. Roi Xordo atópase aberto todos os días de 10 a 24 horas, agás toda a xornada do martes e o mércores de mañá. A cociña está en funcionamento de 10 a 12 horas e de 16.30 a 20 horas. Conta cunha diversa carta na que se aposta polo produto de proximidade e de calidade. Algúns dos manxares do café son as táboas de embutidos, a croca ou as diferentes tostas.

Este Gastro Café busca traer de novo un formato moi común a mediados do século XIX, os locais de lecer. Tratábanse de pequenos cafés que engadían espectáculos populares aos seus servizos. Contaban con servizo de mesa e un pequeno escenario para as actuacións. 

O Roi Xordo aposta pola nosa terra e o noso pasado e seu nome non ía ser unha excepción. Roi Xordo foi un fidalgo medieval que liderou a mediados do século XV á Irmandade Fusquenlla contra o señor de Andrade, "O Mao", dono das terras da comarca de Ferrol. Este levantamento foi un antecedente da Primeira Revolución Irmandiña. Roi Xordo morreu na batalla, pero esta asociación alaricana escolleu o seu nome para representar unha idea e uns valores: a cultura e os produtos da Galiza e a determinación de loitar polo que nos pertence.

Tres mulleres ao mando

Sonia Rodríguez González, Paula Rodríguez Outumuro e María Teresa Lorenzo Gil son a maquinaria que se agocha detrás deste Gastro-Café alaricano. Sonia é a responsable da cociña e encargada do local, mentres que Paula e María Teresa son xerentes de Roi Xordo.

Gozo de hamburguesa

Se temos que falar de estrelas, a do Roi Xordo é sen dúbida a súa hamburguesa. É tamén a que lle da a fama ao Gastro-Café entre a veciñanza da contorna. Caracterízase polos seus 250 gr de carne de vaca galega sobre un bolo de pan de masa nai feito a diario nunha panadería de Allariz. Leva un alioli a base de pementos vermellos asados. Os vexetais que acompañan á carne son leituga, lascas de tomate e cebola morada encurtida feita na casa. A guinda é o queixo cremoso ecolóxico do Rexo. Por último, a hamburguesa leva de guarnición unha boa dose de patacas fritidas cultivadas na comarca da Limia.

DJs con selo alaricano

Roi Xordo aposta polos artistas da contorna ourensán, especialmente por aqueles que deron os seus primeiros pasos, coma eles, na vila de Allariz. É o caso de Discomóbil Apocalipsis con máis de seis anos de experiencia. Actuaron a pasada fin de semana no Gastro-Café para celebrar as festas de San Bieito, patrón de Allariz.

Comentarios