O pregón de Lucía Freitas inaugurou as Festas do Apóstolo

As Festas do Apóstolo de Compostela botaron a andar esta sexta feira, 19 de xullo, cun pregón a cargo da cociñeira compostelá Lucía Freitas, amenizado por unha foliada colectiva na praza do Obradoiro.
Goretti Sanmartín e Lucía Freitas, esta sexta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Goretti Sanmartín e Lucía Freitas, esta sexta feira. (Foto: Arxina)

A chef Lucía Freitas foi a encargada onte de dar a benvida a unha nova edición das Festas grandes da cidade de Santiago de Compostela, que terán por diante trece días de folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 e eventos para todos os públicos que completan o programa desta edición.

A cociñeira compostelá foi escollida como pregoeira das Festas, ademais de pola súa vinculación con Compostela, cidade na que naceu e na que desenvolve a súa vida e profesión, pola súa filosofía culinaria na que fusiona a cociña de raíces coa vangarda e a modernidade, así como pola súa faceta social a través do proxecto Amas da terra co que busca pór en valor o labor das labregas e as mariscadoras e promocionar o comercio de proximidade.

Ademais, por segundo ano consecutivo, o Concello convocou unha gran foliada popular para amenizar a noite do pregón.

Despois do pregón, ás 22.15 horas, a praza da Quintana acollerá o concerto de Dakidarría, a banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a que chega a Santiago para presentar o seu novo disco XX, rexistrado en directo en dous festivais emblemáticos da súa terra como son Revenidas e Castañazo Rock. 

Trátase do primeiro concerto dunhas festas que contarán coa presenza de artistas da categoría de Femi Kuti & the positive force (día 22), Harlem Gospel Travelers (día 23), Zenet (día 24), Maro (dia 25), Mercedes Peón (día 29), Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio-concerto Enredadas (día 30) e Antònia Font (día 31).

Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía da Galiza, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o día 26, e o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola solista Ana San Martín, o 27. Outras citas que acollerá esta praza serán as xornadas de Folclore galego, o sábado 20, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21.

Ao longo da xornada do día 19 tivo lugar a Feira do Vestir, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que se desenvolverá o domingo 21. Ese domingo tamén se celebrará Festa do Escalo en Chaián e o XLVIII Concurso de Pesca Deportiva que dará comezo ás 08.15 horas.

O programa tamén fará as delicias dos amantes da vertente máis tradicional coa celebración das Xornadas do Folclore Galego, do TRAD FEST ou do XLV Torneo da Chave, así como as populares alboradas e o desfile dos xigantes e cabezudos.

 

Comentarios