Todas as chaves do Festigal, un espazo de convivio e escaparate da cultura galega

Música, mais tamén artesanía, letras, ideas, gastronomía e, sobre todo, convivencia e celebración. O Festigal, promovido por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, segue medrando cada 24 e 25 de xullo en Compostela como referencia da mocidade e ofrecendo un modelo de festival que contribúe á normalización cultural e lingüística do país.
Lucía Veciño e Marta Gómez, onte no Campus Vida, este 17 de xullo,decorrerá o Festigal.
photo_camera Lucía Veciño e Marta Gómez, onte no Campus Vida, este 17 de xullo,decorrerá o Festigal.

 A enerxía non procede só dos watts que despiden os amplificadores: a potencia que espalla o Festigal procede en boa medida do sentido de comunidade que comparten as persoas do público, as da organización e mesmo as artistas convidadas.

"Esa é a base do Festigal, a filosofía na que se apoia", declara, en conversa con Nós Diario, Lucía Veciño, secretaria da Fundación Galiza Sempre. Queremos fuxir dese formato de macrofestival que responde a unha fórmula moi estandarizada na que o contacto entre as persoas é moito máis limitado e na que os carteis son case sempre os mesmos. O Festigal é froito do traballo do voluntariado -procedente en gran medida de Galiza Nova- e iso facilita moito a relación entre organizadoras e público".

A carón de Veciño, Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, incide tamén no que constitúe o principal sinal de identidade do Festigal, o apoio á creación galega. "Facemos un grande esforzo para deseñar un cartel diverso que represente ben a boa saúde da que goza a cultura en galego e que, en moitos casos, non ten outro escaparate no que mostrarse, precisamente porque os festivais que reproducen esa fórmula da que falabamos, non lles ceden espazo en favor de artistas foráneas".

Ese cartel, nesta 22ª edición do festival, inclúe nomes como os de Rebeliom do Inframundo, De Ninghures, Filloas, Mondra, Pava-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa. Unha oferta variada pensada para públicos diversos.

Lucía Veciño sinala tamén o esforzo realizado para que exista un equilibrio de xénero entre as bandas que soben ao escenario e, ademais, para chegar a todas as faixa de idade". Gómez destaca, neste sentido, o concurso Novos Valores, que "cumpre a función de descubrir novas bandas: hai artistas polo país adiante, de moita calidade e cun gran traballo detrás, que precisan deste altofalante para darse a coñecer, xa que noutros lugares non atopan un oco".

O caso de De Ninghures, por exemplo, confirma esa efectividade do Festigal en canto a outorgarlles visibilidade a artistas que comezan o seu periplo creativo: gañadores do concurso en 2019, este ano xa participan como un proxecto plenamente consolidado.

Inquedanzas sociais e culturais

Pero o Festigal é máis que un festival de música. É unha festa, un espazo para compartir inquedanzas sociais e culturais e un escaparate das potencialidades do país. "Sempre son moi importantes o espazo do Mercado e o das Asociacións", explica Veciño. "O Mercado está tendo unha demanda que fai que nos quede cativo o lugar onde se localiza. Este ano andamos moi perto dos corenta artesáns, igual que no das asociacións, no que procuramos darlle cabida a todo o tecido asociativo do país que está presente ao longo do ano no activismo feminista, internacionalista -onde este ano, loxicamente, terá un especial protagonismo a solidariedade co pobo palestino con, con entidades como Galiza por Palestina ou Mar de Lumes-, ecoloxista... Organizacións que son referentes -o BNG, a Fundación Moncho Reboiras, Adega, a Marcha Mundial das Mulleres...- e coas que as persoas asistentes poden contactar e informarse sobre a súa actividade".

Tamén a Galería das Letras e as Ideas aglutina moitas das preocupacións da sociedade: presentacións de libros como Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, de Marcos Maceira e Elsa Quintas (Laiovento); o volume colectivo Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina (Tempo Galiza); Francisco Villamil, de Eddy E. Jiménez, que recupera a figura deste heroe da guerra de Cuba; o último número da revista Terra e Tempo, dedicado integramente á Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG); unha obra da Fundación Moncho Reboiras sobre o nacionalismo galego na década de 1970; e, para que a Revolução dos Cravos tamén estea presente, o libro 50 anos de abril na Galiza, de Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim (Através). Dúas mesas redondas tratarán sobre os espolios -desde Altri até a industria mineira- de que é obxecto o país ou sobre os auxes da ultradereita en todo o mundo, unha palestra moderada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda.

Normalización cultural

Un programa tan completo é, para Marta Gómez, "a demostración da boa saúde da que gozan as organizacións que colaboramos en sacar adiante o Festigal. Creo que, en boa medida, é froito dese sentido de comunidade, do sentimento de que estamos a traballar en algo propio. E, por outro lado, tamén manifesta o enorme potencial que existe, non só na música, senón na cultura galega en xeral". 

Festigal segue a ser, por outro lado, un elemento de enganche da mocidade á cultura galega. "Eu mesma descubrín Guadi Galego a través do Festigal", confesa Gómez. E Lucía Veciño engade que "cada vez hai máis xente dentro das xeracións máis novas que se achega á produción cultural galega, e que iso, en boa medida, vai en paralelo ao medre do Festigal. Non podemos esquecer que este festival nace como consecuencia de que a antiga Arenga da Mocidade, de Galiza Nova, quedou pequena para a demanda existente. A xente reclamaba que o Día da Patria Galega houbese unha festa do nacionalismo. E o que intentamos é dar resposta a esa demanda que conta cunha gran receptividade: agora mesmo o Festigal xa é unha referencia dentro dos festivais de verán para moita xente".

Gómez e Veciño coinciden en que, ademais, a música non deixa de ser un importante elemento de normalización lingüística, un valor no que o Festigal supera con moito calquera outro festival dos que teñen lugar no país.

Unha nova localización para o espazo dos concertos

A gran novidade deste ano é a nova localización do espazo de concertos, que se traslada ao campo de hóckey do Campus Vida, a poucos metros do espazo no que decorreron as actuacións de pasadas edicións. En consecuencia, o espazo de xantar vai funcionar tamén o día 24 desde as 21 horas. "É un espazo de convivio que acentúa a natureza de romaría que tamén posúe o Festigal", apunta Lucía Veciño.

Esa coexistencia albíscase este ano cun suplemento de entusiasmo. "Vai ser unha edición moi especial, polo momento que está a vivir o nacionalismo galego", vaticina Gómez. "Despois do resultado das eleccións na Galiza, creo que todo o que envolve o Día da Patria Galega vai ter un carácter especial. E o Festigal é un espazo de festa onde a xente poderá expresar esa alegría pasándoo ben".

Máis en CULTURA
Comentarios