Entrevista | París 2024

Támara Echegoyen, primeira medallista olímpica galega: "Cando estás no alto do podio non sabes se rir ou chorar"

Ourense non ten porto de mar, pero aí naceu en 1984 a regatista Támara Echegoyen, que en Londres 2012 esnaquizou xunto coas coruñesa Sofía Toro e a asturiana Pumariega un histórico teito de cristal gañando unha medalla de ouro que fixo dela unha lenda vivinte do deporte galego.
A regatista Tamara Echegoyen. (Foto: Europa Press)
photo_camera A regatista Tamara Echegoyen. (Foto: Europa Press)

—É consciente de ser unha figura histórica do deporte galego?
Empezas ao grande (ri). Para ser sincera... a verdade é que non, quizais porque como deportista a mente non adoita pararse a pensar no que conseguiches, senón no que queres conseguir. Cando pare, ao mellor, doume de conta destas cousas.

—Destaca a condición de deporte minoritario da disciplina na que brilla e brillou. Como foi a súa introdución nesa vela que tanto marcaría a súa vida?
Comecei facendo moitos deportes, non só vela, pese a que a toma de contacto con ela foi sendo moi pequena, con cinco anos. Probei deportes individuais, por equipos... pero os meus pais din que a primeira vez que me levaron a vela tiveron claro que non a ía deixar nunca, porque me apaixonaba. Hoxe en día, ademais, é moi accesíbel, e recoméndoa sempre, porque dota dunha serie de habilidades moi útiles, sobre todo o traballo en equipo, que é tan fundamental na nosa sociedade e que é parte esencial da vela.

—Algunha vez pasoulle pola cabeza naquela época que un día chegaría a ser toda unha campioa olímpica?
Non, non. É certo que chega un momento en que reparas que o teu deporte é olímpico e sería xenial acceder a ese grande escenario que son os Xogos, pero até que alcanzas as idades xuvenís, ou incluso os 20 anos, non es consciente da importancia que ten chegar a un evento destas dimensións. 

No meu caso, ese soño comezou a facerse realidade cando coñecín exactamente o que era o deporte profesional, priorizando a campaña olímpica sobre moitas outras cousas, e véxoo como unha evolución natural.

Pasei unha semana enteira levantándome pensando que tiña que volver correr a final

—Dentro desa evolución ao profesionalismo o que é mais visíbel para o gran público e esa escena olímpica. Que recordos garda daquela xornada máxica na que gañaron a medalla de ouro en Londres 2012?
Recordo todo de forma bastante clara, e especialmente as sensacións, porque o corpo aínda reacciona. Que estraño é subir ao alto do podio, o tempo que custa asimilar que es campioa olímpica... non vaiades crer que en canto tes a medalla colgada do pescozo inmediatamente es consciente do que conseguiches, non. É algo tan sumamente grande que necesitas tempo para asimilar o éxito que acabas de alcanzar. Non sabes se saltar, se rir ou se chorar, de feito pasei unha semana enteira levantándome pensando que tiña que volver correr a final.

—Cando sometín a súa compañeira Sofía Toro á batería de preguntas no marco desta serie de entrevistas falamos sobre se ela sentía frustración por ver como lle cambiaban as normas a metade de partida, como se adoita dicir, coa eliminación por parte do Comité Olímpico Internacional da clase Elliot 6M na que subiron ao máis alto do podio en Londres 2012. Como o asimilou vostede?
Foi unha mágoa. A min o que máis frustración me causou é ver como de repente desaparecía unha modalidade na que investíramos tanto traballo para poder conseguir un certo nivel competitivo e que, ademais, era un dos maiores acertos na vela, porque ao ser máis accesíbel para as persoas que non estaban familiarizadas coas normas as súas retransmisións eran as que máis audiencia tiñan. 

Pero, con moita mágoa por abandonar a campaña olímpica coas miñas compañeiras, abrín unha porta distinta noutra modalidade con Berta Betanzos e volvín aos Xogos Olímpicos con posibilidades de Medalla en Río 2016. Ao final, as regatistas, todas, temos unha capacidade de adaptación que é digna de admirar.

—Algo absolutamente certo, pois a súa reconversión á clase 49erFX non puido ser máis exitosa, gañando o Campionato do Mundo tanto en 2016 como en 2020, anos olímpicos nos que, non obstante, rematou cuarta na gran cita. Como tomou eses resultados en Río e Toquio?  
Entre Río e Toquio houbo unha gran diferenza chamada experiencia, pero si, foron momentos lancinantes os dous, porque non é que a cuarta sexa unha mala posición, senón que cando ti estas loitando por algo e non o logras sentes unha perda, porque os Xogos seguintes son dentro de catro, e é pouco intelixente non pasala.

—O deporte, queda claro, é un mundiño de frustracións e de expectativas insatisfeitas. Como xestiona a presión a nivel mental?
É moi importante, ti mesmo dixeches a palabra, expectativas, que estas sexan realistas. Hai moita frustración, porque non sempre se gaña. É máis, pérdese máis que gañamos, estatisticamente o normal é non gañar. Por iso debemos, xa  que somos moitas competindo, xestionar a realidade de que somos o noso último resultado, algo que notei cando volvín vitoriosa, e non tan vitoriosa, duns Xogos Olímpicos. Que diferente foi a reacción do exterior... 

Entón, visibilizar que a derrota é parte do deporte fará moito ben, e o público en xeral, incluso a prensa, ten que valorar esas dúas caras da moeda, porque se me preguntas eu diría que aprendín moito máis das miñas derrotas que das miñas vitorias, aínda que soe a tópico. A frustración é parte esencial, dolorosa e incómoda do día a día, e hai que xestionala. Afortunadamente temos profesionais que nos axudan, como Patri, a miña psicóloga deportiva, coa que levo anos traballando e que é excepcional.

Os Xogos e poder loitar por unha medalla é motivación suficiente para a dedicación que require

—Sen deixar este eido de expectativas, vitorias, derrotas... o presidente da Federación Española de Vela, Javier Sanz, deu este Nadal unha listaxe de nomes que vía con potencial de lograr medalla en París, e o seu foi o segundo que saíu da súa boca....
Nesta vida hai que ser moi humilde, pero se nos poñen nas lotarías para gañar é porque demostramos que podemos facelo. 

—Desde Londres 2012 transcorreron 12 anos, moito tempo, pero máis aínda no mundo do deporte. Como logra seguir sendo competitiva?
A ilusión é a chama que move as campañas olímpicas. Para min, os Xogos e poder loitar por unha medalla é motivación suficiente para a dedicación que require. O outro segredo é a sorte que tiven de poder contar cunhas compañeiras de viaxe marabillosas, porque no noso deporte pasas 24 horas e sete días á semana xuntas e precisas ter confianza plena en que, cando caias, que o farás, terás unha man tendida para levantarte.

Comentarios