A regatista Claudia Sobral estará entre seis e oito meses de baixa

A regatista do Marítimo de Oza, Claudia Sobral, formou parte do equipo estatal na súa primeira tempada como tripulante na clase 49er FX.
Regata de vela en Hourtin, Francia (Foto: RFGV).
photo_camera Regata de vela en Hourtin, Francia (Foto: RFGV).

A regatista do Marítimo de Oza, Claudia Sobral, formou parte do equipo estatal na súa primeira tempada como tripulante na clase 49er FX. O calendario de regatas comezou o pasado mes de novembro en Vilamoura (Portugal), onde os e as regatistas das clases 49er e 49er FX reuníronse no Europeo Absoluto do 2023 de ambas as clases.

Seguiuno o Campionato do Mundo decorrido en Lanzarote (Canarias) no mes de marzo. “Foron, sen ningunha dúbida, os mellores meses do ano. Fomos no mes de decembro a Lanzarote e pasamos alí todo o inverno preparando o mundial”, comenta Sobral.

No Trofeo Princesa Sofía, cita clave para todo o equipo estatal, o equipo formado por Sobral e a súa compañeira Paula van Wieringen logrou o seu mellor resultado até a data, quedándose ás portas de acceder ao top25 da frota.

Finalmente, a tempada terminou cedo para o equipo, pois unha lesión de Sobral durante o europeo de 2024 decorrido na Grande-Motte, deixa ao equipo galego-balear fóra de poder disputar o seu grande obxectivo da tempada, o Mundial Xuvenil.

“Notei unhas molestias no meu ombreiro dereito e a fisio estivo a me tratar durante a regata, mais o último día foi imposíbel navegar pola dor. Cando volvín a casa, déronme o peor diagnóstico, teño que pasar por quirófano e a recuperación levarame entre seis e oito meses”, conta a regatista que compite co club coruñés.

O Campionato do Mundo Xuvenil de 49er FX é para tripulacións de menos de 23 anos e este ano disputarase na Ría de Arousa. Esta era a cita clave para esta nova tripulación, que ao comezo de tempada marcábase como obxectivo lograr subir a un caixón no podio desta competición.

“Ao principio non mo podía crer, traballamos toda a tempada para facer un bo resultado nesta regata e finalmente non a poderemos disputar, mais xa pensamos na recuperación e en cando poderei volver navegar”, acrecenta a deportista galega.

A pesar de todo, o balance que o equipo fai da tempada é positivo e afirma que a clave dos logros conseguidos nesta primeira tempada foron grazas ao apoio que tiveron. A regatista destaca o apoio do seu club, e dos seus patrocinadores durante este ano.

Neste sentido, explica que “eles confiaron en min desde que lles presentei o proxecto e téñolles que agradecer esta tempada, sen todo o apoio que me brindaron, non podería enfrontar economicamente os gastos que ten un proxecto olímpico”.

Comentarios