Entrevista | París 2024

Antía Chamosa, marchadora: "É un soño cumprido ir aos Xogos, voume sorprendendo ano tras ano"

A carreira de Antía Chamosa (Pontevedra, 1999) parece non ter teito. Este ano bateu dous novos récords galegos en 10 km e 20 km logrando unha prata no Estatal, no primeiro caso, e un bronce por equipos na Copa do Mundo, no segundo. Uns rexistros que lle valeron o billete a París para a nova proba de remuda mixta de marcha.
A pontevedresa Antía Chamosa no Mundial de Marcha de Turquía, onde conseguiu o bronce por equipos. (Foto: Cedida)
photo_camera A pontevedresa Antía Chamosa no Mundial de Marcha de Turquía, onde conseguiu o bronce por equipos. (Foto: Cedida)

—Chega aos que serán os seus primeiros Xogos Olímpicos despois de conseguir o pasado mes a prata nos 10 km marcha do Campionato estatal cun novo récord galego, superando unha marca que xa era súa. Que supuxo para vostede saber que estará en París?
Foi unha alegría enorme, sobre todo porque non esperaba estar. Cando saíu a noticia da convocatoria lina listaxe, púxenme a ver os nomes e nin sequera me dei de conta de que estaba eu. Mira se non esperaba a noticia.

—Tivo que ler esa listaxe unha segunda vez para confirmalo.
Xusto. Estaba esperando a que rematase o adestramento do meu irmán [Daniel], que estaba dando voltas pola pista. E cando vin ben a listaxe empecei a berrar: "Dani, Dani! Que estou!". Sabiamos que esa semana sairía a convocatoria e eu non esperaba estar.

—Hai uns anos dicía nunha entrevista: "Oxalá poder dicir algún día que vou participar nunhas Olimpíadas". E ese momento finalmente chegou.
Preguntáronme moitas veces iso e eu sempre contestaba o que contestamos todas as atletas, que é un soño poder participar nuns Xogos. É incríbel que agora sexa realidade.

—A fin de contas, uns Xogos Olímpicos é o máximo ao que pode aspirar calquera atleta.
Si, sobre todo cando xa te empezas a ver nos campionatos internacionais. Porque cando es pequena estás aínda máis desfrutando, coñecendo o deporte e a xente. E xa de maior empeza a ser un soño.

Antía Chamosa posando co seu bronce nos 20km marcha do Europeo sub-23 de 2021, en Tallin, Estonia. (Foto: SportMedia / Europa Press)
Antía Chamosa posando co seu bronce nos 20km marcha do Europeo sub-23 de 2021, en Tallin, Estonia. (Foto: SportMedia / Europa Press)

—Sempre é difícil imaxinarse nuns Xogos, mais a súa traxectoria aválaa. Empezou destacando desde moi nova en categorías inferiores, logrou o bronce no Europeo sub-23 de 2021 nos 20km e foi batendo récord tras récord da Galiza.
Claro, velo máis lonxe cando es pequena, pero logo pouco a pouco vas logrando obxectivos. Eu cada ano sempre dicía, "oxalá poder estar no Campionato do Mundo este verán". E durante a propia tempada intentaba traballar ao máximo para poder estar aí. Voume sorprendendo todos os anos, e este, outra vez. Sinto unha enorme satisfacción persoal por esa parte.

—Cada vez queda menos para os Xogos. Como está a ser a preparación?
Durante a tempada normalmente facemos máis quilómetros, collemos moita carga e despois, cando nos imos achegando á competición, baixamos os quilómetros e é máis un traballo de intensidade de series. Agora mesmo estamos volvendo a coller outra vez esa carga de quilómetros, polo que estamos botando bastantes horas. Normalmente as marchadoras adestramos pola mañá e despois facemos complementos pola tarde.

—Vendo os seus resultados máis recentes parece que chega nun excelente momento de forma.
Foi unha tempada un pouco complexa para min. Comecei con moitas ganas porque sabía que era ano de Olimpíadas e tiña tamén o Europeo e varias competicións, pero estiven uns dous meses lesionada. Pasei de non ter posibilidades de ir a ningunha competición a, de repente, poder facer a mínima olímpica na Coruña [no GP dos Cantóns] e, en definitiva, demostrar que podía facelo, o que me sorprendeu incluso a min mesma.

—E agora que xa é unha realidade, con que expectativas viaxa a París?
Sobre todo, con ganas de desfrutalo. Creo que me vou sentir aí un pouco pequena por todo o que son os Xogos, os primeiros para min. E, por suposto, competirei e loitarei ao máximo.

—Vaina acompañar alguén?
Claro! Sempre intento levalos a todos.

—Daquela viaxará o 'equipo Chamosa' ao completo...
O meu irmán sempre me acompañou ás competicións xa desde as categorías menores, e os meus pais creo que tamén virán esa semana.

—O seu irmán Daniel compite tamén no máis alto nivel da marcha, supoño que non hai ninguén que a entenda mellor.
Si, é o meu principal apoio, tanto nas competicións como adestrando todos os días que estamos xuntos, aínda que el leve outro ritmo. Sempre nos estamos apoiando mutuamente.

—Leva desde os sete anos neste deporte. Como empezou todo?
Foi polo meu pai. Sempre lle gustou correr, ía a moitas carreiras populares e sempre nos levaba. Un día apuntounos a min e o meu irmán na pista de Pontevedra cun adestrador que era principalmente de marcha, e desde aquela até agora. Eu era moi pequena, ía sobre todo pola xente, porque tiña alí un grupo de amigos... era o meu momento, á saída do instituto, de pasalo ben e divertirme. Despois, cando te vas facendo maior, xa decides se o queres tomar máis en serio ou non.

—E cando pasou de hobby a competición para vostede?
Ao longo de todos estes anos moita da xente que te acompañaba vai deixando o deporte, que ao final é individual, veste adestrando soa... Nese momento eu pensei, de verdade isto me gusta e apaixona tanto como para estar todos os días aquí e ter esa constancia? Foi cando empecei a participar nos primeiros campionatos internacionais.

Unha proba inédita que promete emoción até o final

A remuda mixta de marcha en distancia de maratón (42,195 km) é unha das grandes novidades que introducen os Xogos de París e substitúe a modalidade individual de 50 km. Cada parella de atletas, un home e unha muller, vanse intercalando para completar os catro treitos nos que se divide unha proba que Antía Chamosa admite que resulta algo "estraña", dado que as carreiras adoitan ser individuais. Con todo, a pontevedresa xa se 'examinou' o pasado marzo no Critérium de València da man do veterano marchador murciano Miguel Ángel López, integrante tamén do equipo olímpico, e o resultado foi satisfactorio: terceiro posto para o dúo, que rematou a só 49 segundos dos campións, Álvaro Martín e Laura García-Caro.

A Federación Española ten praza para formar dúas parellas entre as cinco mulleres e cinco homes convocados para participar nas diferentes competicións de marcha —alén da remuda mixta, as probas masculina e feminina de 20 km—; serán os seus adestradores quen decidan se Chamosa está finalmente presente nunha delas. "En marcha coñecémonos todos e todas, eu sempre digo que para min é como unha segunda familia", salienta a marchadora galega, que afirma sentirse cómoda nesta modalidade na que o traballo en equipo é fundamental.

Comentarios