'Nós Diario' agasalla un facsímile do 'Alba de Groria' de Castelao

O discurso máis célebre do rianxeiro publicouse en 'A Nosa Terra' en 1948, pouco tempo despois de ser pronunciado o Día da Patria en Bos Aires.
O facsímile é un galano da Federación Galiza Cultura.
photo_camera O facsímile é un galano da Federación Galiza Cultura.

Este 25 de xullo, Nós Diario traerá un espléndido agasallo para as súas lectoras: un facsímile do número 463 da revista A Nosa Terra, editada en xullo de 1948 no exilio de Bos Aires. Naquel número publicouse por primera vez o discurso Alba de Groria, que Castelao pronunciou -en calidade de presidente do Consello da Galiza-, co gallo do Día da Patria Galega daquel mesmo ano, no festival do Centro Galego de Bos Aires celebrado no Teatro Argentino da cidade.

Esta edición facsímile é un galano cortesía da Federación Galiza Cultura, dentro da campaña Revivindo Castelao de difusión da súa obra.

Alba de Groria converteuse axiña nunha peza de oratoria transcendental para o nacionalismo galego, que viu nel o documento que, con seguridade, mellor reflicte as aspiracións e ideais deste movemento.

"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicions, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única". Así comezaba o histórico discurso, que o autor manifestou que comenzara a escribir un ano antes, en 1947, en Marsella (Francia). De feito, os dous primeiros parágrafos forman parte do primeiro capítulo do libro IV de Sempre en Galiza.

Ademais da significación política que atinxiu, Alba de groria dá a medida da inmensa capacidade política e oratoria do seu autor.

O Alba de Groria cita algunhas grandes figuras esenciais na configuración da cultura galega. Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o "heresiarca decapitado", e o "gran Don Ramón" [referíndos a Valle-Inclán], trázase unha Santa Compaña que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do país. Con todo, o discurso tamén fai fincapé na importancia do pobo, da tradición da xente anónima na configuración da nosa identidade.

No ano 1951, o Centro Gallego de Buenos Aires quixo homenaxear ao xa finado Castelao publicando a versión orixinal de Alba de Groria e mais unha tradución ao castelán realizada por Eduardo Blanco Amor.

Comentarios