O Parlamento israelí oponse á creación dun Estado de Palestina

Unha resolución aprobada con 68 votos a favor e nove en contra argumenta que sería un "perigo existencial" para o propio Israel e que "perpetuaría o conflito".
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. (Foto: Jack Guez / AFP)
photo_camera O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. (Foto: Jack Guez / AFP)

Unha e outra vez, Israel bota por terra toda opción de buscar unha solución diplomática ao conflito que derivou na invasión e masacre de miles de persoas en Gaza e porfía en negar a propia existencia do Estado de Palestina. Así vén de ratificalo a Knesset, o seu Parlamento, que esta cuarta feira aprobou, por unha maioría aplastante —68 votos a favor e nove en contra—, unha resolución encamiñada a rexeitar de pleno a creación dun Estado palestino, mesmo de forma negociada, alegando que sería un "perigo existencial" para o propio Israel e que "perpetuaría o conflito".

"A Knesset oponse firmemente á creación dun Estado palestino ao oeste de Xordania [en alusión á rexión palestina de Cisxordania]. O estabelecemento dun Estado palestino no corazón da terra de Israel suporá un perigo existencial para o Estado de Israel e os seus cidadáns, perpetuará o conflito palestino-israelí e desestabilizará a rexión", recolle o texto.

Promover a "idea" dun Estado palestino neste momento, prosegue, "será unha recompensa para o terrorismo e só alentará a Hamás e os seus partidarios a ver isto como unha vitoria, grazas ao masacre do 7 de outubro de 2023, e un preludio da toma do poder do islam xihadista en Oriente Próximo".

A coñecida como 'solución de dous Estados' non é nada novo, pois así quedou fixado na resolución 181 da Asemblea Xeral da ONU en 1947, que falaba de dividir o territorio en dous Estados, un árabe e outro xudeu, cun réxime internacional especial para a cidade de Xerusalén.

Porén, só se constituíu un dos Estados, o de Israel, ao ano seguinte, o que derivou na 'Nakba' —"catástrofe"—, a grande expulsión da poboación palestina dos seus fogares. E durante case un século, cada vez máis, os palestinos e palestinas foron perdendo terreo fronte ás políticas expansionistas e coloniais dun Israel que somete esta poboación, na práctica, a un réxime de apartheid.

Comentarios