Alana e Buíoch comparten o premio Runas de Ortigueira

O trío galego e o cuarteto irlandés actuarán no Festival de Ortigueira 2025 como gañadores da XXV edición do certame.
Concerto de Alana, o pasado 11 de xullo, en Ortigueira.
photo_camera Concerto de Alana, o pasado 11 de xullo, en Ortigueira.

Nunha memorábel edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o xurado do Certame de Runas decidiu, excepcionalmente, outorgar o primeiro premio a dous grupos pola gran calidade das súas actuacións. Alana e Buíoch destacaron polo seu virtuosismo musical, creatividade e capacidade de conexión co público, o que imposibilitaba practicamente a elección dun só gañador.

Alana, que na fase anterior do certame xa conquistara ao público nas votacións en liña, subiu ao Escenario Estrella Galicia un repertorio que mestura a música tradicional galega con ritmos electrónicos e pop contemporáneos. O trío galego, formado por Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro, conectou dende as primeiras cancións cos asistentes á Alameda, no que foi un dos concertos máis exitosos da noite. 

Buíoch, formado por Dale Mckay, Ruaidhrí Tierney, Kurt Dinneen Carroll e David Harte, é un grupo de música tradicional irlandesa que compón arranxos e melodías propias. O cuarteto, orixinario das Midlands de Irlanda, encheu o Escenario Estrella Galicia dun son tradicional pero progresivo nunha actuación impecábel que cativou a público e ao xurado coa súa orixinalidade e enerxía.

Picarós, que tamén competiu nesta estreita final, ofreceu unha destacada actuación que demostrou o seu gran talento e entrega. Aínda que non conseguiron o primeiro premio, o trío mantivo o alto nivel ao que nos teñen afeitos os grupos do panorama folk asturiano nos últimos anos.

O Concurso de Runas, que se celebra dende o ano 2000, ten como obxectivo divulgar a cultura e a música celta mediante a promoción de novos grupos, sempre primando as composicións propias. Máis de 250 as bandas pasaron xa por el.

Comentarios