Contracultura

Antía Vázquez (Alana): "Unimos os nosos saberes e músicas para crear a identidade que queremos transmitir"

Antía Vázquez (Oleiros, 2002), pon a voz, os ferriños e a pandeireta en Alana, banda que integra con Eloy Vidal (guitarra, teclado, baixo eléctrico e produción musical) e Pablo Castro (bombo, tamboril, prato, lata e gaita). O trío comeza a xira de presentación do seu primeiro disco, 'O xeito á cántigha'.
Eloy Vidal, Pablo Castro e Antía Vázquez. (Foto: Jorge López)
photo_camera Eloy Vidal, Pablo Castro e Antía Vázquez. (Foto: Jorge López)

—En novembro gañaron o premio Xuventude Crea e agora presentan disco. Cales son as sensacións?
Estamos súper contentos con todo. Tiñamos un pouco de medo porque nunca sabes o que pode pasar, mais a recepción foi moi boa. Vendemos todas as entradas para o concerto de presentación na Coruña. A xente que escoitou o disco tamén nos dixo cousas moi bonitas e valorou todo o traballo que fixemos. Ao final nós estamos comezando: cada unha de nós estivo noutros proxectos, mais esta é a primeira vez que estamos á fronte e que organizamos un evento como é a presentación dun disco. Afloran as inseguridades, que é normal porque estás dando a cara por algo. O traballo está a verse recompensado, recibimos moito agarimo por parte das persoas que nos escoitan e creo que elas tamén ven a ilusión coa que facemos as cousas.

Nese sentido, gañar o Xuventude Crea deunos un impulso e visibilidade para poder facernos un oco. A música galega está nun momento moi bo, mais ás veces tamén é complicado chegar a ter un espazo dentro do panorama. Polo momento, temos datas de cara ao verán, que iremos confirmando nas nosas redes, mais xa podemos dicir que estaremos o 31 de agosto nas Torres do Allo (Zas).

—Que querían transmitir con este disco?
En primeiro lugar queríamos pór o foco en todas as señoras das que aprendemos as cancións e en todas as persoas que se dedicaron durante moitos anos a recoller toda esa información, saberes e melodías. Tamén queríamos, que é o que trata de explicar o título do disco, facer unha mención a todas aquelas cousas que non son música como tal: como estas señoras che explican as cousas que facían, o que vivían, as sensacións que che transmiten estas persoas cando están cantando algo...

O título do disco é unha frase dunha conversa gravada entre unha señora, Delfina de Cerceda, e Dorothé Schubart, etnomusicóloga, quen cedeu todas esas gravacións ao Museo do Pobo Galego. Delfina estáballe explicando como facía ela, como había que darlle xeito á cántigha para cantar a muiñeira e a xota. Recollemos esa idea porque nos gustaba poder darlle o noso xeito, cos nosos saberes e as nosas músicas, para crear a identidade que nós queremos transmitir.

—Un dos videoclips que publicaron para presentar o disco foi o de Liñares. Por que esta canción en concreto?
Normalmente son eu a que me encargo de seleccionar as recollidas e despois, de maneira conxunta, decidimos se van para adiante ou non. Esta canción en concreto era moi especial para min porque sempre a cantaba de nena, móveme moito por dentro. Ademais é unha canción moi pegadiza e das primeiras que fixemos, así que tamén era a ideal para sacar como sinxelo e presentar o disco.

Para crear este videoclip, contamos cunha axuda enorme de Jorge López. Traballar con xente coa que te entendes é moi guai e nós vémolo con el. Nós levamos as nosas ideas, mais no momento no que escoita a canción el xa está sacando as súas propias. Neste caso foi el o que nos deu a idea base e nós fomos perfilando. Queríamos tratar esa relación tan especial que hai cos avós e as avoas. Gustábanos tamén facer esta especie de homenaxe porque é certo que as nosas familias apoiaron moito o proxecto desde o comezo.

Máis en CULTURA
Comentarios