MÁIS

O Boi, na beira de Lalín

Mergullarse no verán na praia de Vilatuxe
A praia fluvial do Pozo do Boi, na beira do río Deza en Vilatuxe, Lalín (O Deza). (Foto: Concello de Lalín)
photo_camera A praia fluvial do Pozo do Boi, na beira do río Deza en Vilatuxe, Lalín (O Deza). (Foto: Concello de Lalín)

Na parroquia de Vilatuxe, a doce quilómetros do centro de Lalín (O Deza), atópase a praia fluvial do Pozo do Boi, coñecida pola veciñanza simplemente como praia de Vilatuxe. Á sombra dunha gran carballeira atópase esta praia fluvial que alcanza ano tras ano a cualificación de "auga excelente para o baño". É unha das praias fluviais con augas de mellor calidade na Galiza. A zona dispón ademais de merendeiros e de servizos de bar con aseos durante os meses de verán. 

Na contorna da praia fluvial atópase un parque para a cativada, espazos para o lecer, aparcadoiro gratuíto e acceso para persoas con mobilidade reducida. O Pozo do Boi está bañado polas augas do río Deza, que discorre pola comarca homónima antes de desembocar no río Ulla. A praia é idónea para o baño xa que non hai pendentes e a auga, limpa e fresca, discorre mansa na zona. A pesca no Deza está permitida segundo as normativas locais. A especie máis común da contorna é a troita. Ademais, pódese navegar en  embarcacións como caiac ou canoa.

A praia fluvial do Pozo do Boi, a ambas beiras do río Deza, une deporte e lecer 

O recinto fluvial de Vilatuxe divídese en dúas áreas de lecer a cada beira do Deza. A primeira é unha zona verde mentres que na segunda se atopa a carballeira. As dúas partes conéctanse a través dunha antiga ponte enlousada construída no século XIX. Ao carón desta praia fluvial ergueuse unha presa que retén as augas do Deza nas tempadas de verán, permitindo así o mergullo. 

Na contorna do Pozo do Boi atópanse diferentes roteiros de sendeirismo para coñecer o concello de Lalín e as súas zonas verdes. A maioría destes roteiros parten da propia área recreativa  do Pozo do Boi e teñen como destino final o miradoiro do Candán, situado na serra do mesmo nome. Son entre 15 e 25 quilómetros a percorrer, dependendo de se o que se busca é volver ao punto de partida ou non. Son 1.070 metros de desnivel positivo e negativo para chegar a este cumio de 1.015 metros.

O Castro do Penedo

Atópase na parroquia de Doade, a 14 quilómetros de Lalín, e tamén é coñecida como Aurela do Castro ou Castro de Doade. É un recinto de forma circular e dunha hectárea de superficie. As escavacións de 2015 permitiron o achado de varias estruturas, visitábeis hoxe en día, e miles de restos de diferentes materiais, como pedra ou bronce.

As Mámoas de Lalín

O conxunto orixinal estaba formado por sete mámoas, mais actualmente só se conservan tres. Unha delas, o Altar do Sol, foi declarada Ben de Interese Cultural en 1974. Datan do Neolítico e saqueáronse no s. XVII como parte das licenzas concedidas por Felipe III a Vázquez de Orxas. 

A Fraga de Catasós

A fraga fórmana múltiples exemplares de carballos e castiñeiros. Moitos deles alcanzan os 30 metros de altura e os 5 de perímetro. Posúen unha das maiores taxas de crecemento anual a niveis europeos. Catasós esténdese ao longo de 45.185 metros cadrados, que foron propiedade da familia Quiroga até mediados do século XX. Foi nese momento cando a fraga foi reclamada pola Organización das Nacións Unidas para Agricultura e Alimentación. Catasós segue a coñecerse como a Fraga de Quiroga pola veciñanza. Desde o ano 2000 é un dos oito Monumentos Naturais existentes na Galiza.

Comentarios