MÁIS

Soul e blues na Guarda

As voces afínanse para o festival do Baixo Miño
No festival actuará a estadounidense Dorrey Lin Layles, unha das grandes voces do mundo gospel. (Foto: Festival Mar de Blues)
photo_camera No festival actuará a estadounidense Dorrey Lin Layles, unha das grandes voces do mundo gospel. (Foto: Festival Mar de Blues)

O festival Mar de Blues achega á Praza do Reló da Guarda (Baixo Miño) o mellor do soul, blues e gospel. O espectáculo, que decorre desde hai catro anos, xuntará nas noites da mañá e do sábado actuacións musicais de bandas internacionais e locais.

Entre os nomes desta nova edición figuran o da estadounidense Dorrey Lin Lyles, cantante destacada neste estilo e membro permanente do The Very Best Of Black Gospel, e o Minnemann Blues Band, grupo dirixido polo artista Wolfram Minnemann relacionado co pai do rock portugués, Rui Veloso, e tamén un dos grandes pioneiros do Blues en Portugal. O toque galego vai da conta de David L.H., nova promesa do blues e folk nado na Coruña, que conta con dous proxectos musicais ás súas costas (Remains e Pandemic Season). 

Tamén con The Blues Moonshiners e Little Orange. O primeiro trío de blues que une diferentes ramas do xénero (blues rural, country blues, etc.) con música folk e composto polo  guitarrista e cantante Jay Doe, o armonicista Ramón Figueira e o percusionista Fran Rilli.

O segundo, artista en solitario con influencias de bandas emblemáticas como Hill Country Blues como RL Burnside e Junior Kimbrough e que conta co single Promised Land Blues.

Para gozar de todo isto, o festexo é de balde. Asemade, é un perfecto escaparate para mostrar este xénero musical, xa que se converteu nun dos festivais máis importantes da península.

Ademais, presenta repercusión internacional crecente desde a participación e primeira actuación na Galiza do grupo lendario Tommy Castro & The Painkillers en 2023. Propostas todas únicas e diferentes para dar a coñecer un estilo que non aparece tan a miúdo nos grandes carteis dos festivais do verán.

Comentarios