VÍDEO | Escoita aquí 'Somos máis', a nova sintonía oficial do BNG

Ao longo da súa historia, a formación contou con varias sintonías oficiais, entre elas, Wonderful Land, de Mike Oldfield, que usaron durante os anos 80 até mediados dos 90, cando incorporaron o tema Xente, de Berrogüetto. Ademais, no ano 2010 utilizaron unha composición do centro galego de música tradicional aCentral Folque e, nas últimas eleccións a canción Fábrica de Luz, da Banda da Loba.
Mondra, Nadie González, Ana Pontón, Xosé Lois Romero e Lara Caeiro na presentación de 'Somos máis' (Foto: Arxina).
photo_camera Mondra, Nadie González, Ana Pontón, Xosé Lois Romero e Lara Caeiro na presentación de 'Somos máis' (Foto: Arxina).

Somos máis é o concepto co que o BNG construíu a súa nova sintonía oficial, unha canción que conta coas voces do cantante de tradi Mondra e a rapeira Ninguén González e cuxo vídeo estivo a cargo da artista audiovisual Lara Caeiro. A peza, presentada esta segunda feira na sala Numax de Compostela, pretende mostrar unha "Galiza diversa" e "render homenaxe" a todas as persoas que a conforman.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a encargada de presentar a estrea da peza artística xunto ao equipo creativo da mesma. Así mesmo, Xosé Lois Romero, responsábel da música e da letra, destacou a combinación de estilos da canción, un tema no que se mestura o rap de Ninguén, o son das pandereteiras de Bouba e a proposta de Mondra, que revisa e actualiza o tradicional.

Durante o acto, Pontón sinalou que o BNG se atopa no seu "mellor momento", polo que toca "mirar o futuro con esperanza" e esta nova sintonía é unha "boa oportunidade" para representar a "diversidade dun país máis libre".

Ao longo da súa historia, a formación contou con varias sintonías oficiais, entre elas, Wonderful Land, de Mike Oldfield, que usaron durante os anos 80 até mediados dos 90, cando incorporaron o tema Xente, de Berrogüetto. Ademais, no ano 2010 utilizaron unha composición do centro galego de música tradicional aCentral Folque e, nas últimas eleccións a canción Fábrica de Luz, da Banda da Loba.

Representar a diversidade

Durante os máis de catro minutos que dura o vídeo de Somos máis, a peza explora diferentes recunchos da Galiza e retrata aquelas persoas que os conforman, por exemplo o pescador Rogelio Santos, máis coñecido como o influencer do mar.

A través dos ollos dunha nena o espectador percorre praias da Galiza, campos, costas e coñece ás súas xentes. A directora do vídeo, Lara Caeiro, explicou que a idea nace dun soño e representa esa Galiza coa que ela soñaba cando era pequena.

Somos máis representa "unha Galiza feminista, queer, con xente maior e nova, en definitiva, unha Galiza diversa", apuntou. Nesta liña, destacou que desde o primeiro momento tivo claro que quería fuxir dun concepto que se adoita mostrar en vídeos institucionais nos que se representa á Galiza desde unha mirada "épica".

Comentarios