Xuventudes Socialistas denuncia a ausencia de políticas para a mocidade do Goberno galego

As Xuventudes Socialistas da Galiza reuniron este sábado en Compostela o seu máximo órgano de dirección. No marco da xuntanza, o seu secretario xeral, Xurxo Doval, criticou as políticas da Xunta da Galiza.

XSG_01
photo_camera Xurxo Doval, no centro, canda outros dirixentes de Xuventudes Socialistas da Galiza. (Foto: Nós Diario).

Xurxo Doval sinalou que "levamos 100 días onde seguramente podemos contar dunha forma máis sinxela cos dedos das mans as medidas para os mozos anunciados polo presidente da Xunta que todas as pulseiras de acceso VIP a festivais que debe levar no seu brazo”.

"As Xuventudes Socialistas seguimos reivindicando o papel do Goberno de España e logramos unha posición das Xuventudes a  nivel estatal en contra do proxecto de Altri”, afirmou Doval, quen indicou que “estamos a traballar no ámbito da vivenda e outras áreas cruciais para a mocidade galega en colaboración cos nosos parlamentarios".

O secretario xeral das mocidades do PSdeG puxo en valor o traballo desenvolvido pola súa formación no último ano. Neste sentido, significou o traballo da militancia das Xuventudes Socialistas no proceso electoral das eleccións galegas e nos comicios ao Parlamento europeo.

“Desde setembro do ano pasado até hoxe, traballamos incansabelmente “, aseverou Doval quen indicou que “comezamos coa reivindicación das primeiras matrículas universitarias gratuítas”. Neste punto, manifestou que a súa proposta “foi posteriormente adoptada, aínda que de maneira incompleta polo Partido Popular”.

Doval referiuse, tamén, “a elaboración dun novo e orixinal programa electoral para as eleccións autonómicas". Na mesma orientación, significou “o éxito da campaña das eleccións europeas nun contexto de persecución política e desinformación”.

Mobilidade para a mocidade

O secretario de organización da formación, Enrique García, defendeu “un modelo de mobilidade baseado na eficiencia, a intermodalidade e a accesibilidade, tanto en áreas urbanas como rurais”.

García propuxo “a posta en marcha dun transporte a demanda cofinanciado pola Xunta para asegurar que os mozos do rural non queden desatendidos" e demandou ao Goberno galego un programa de mobilidade semellante ao Verán Novo do Executivo do Estado.

Comentarios