O BNG exixe ao Goberno estatal que denegue fondos a Altri tras o fallo do TXUE sobre emisións contaminantes industriais

Néstor Rego sinala que Altri incumpre a Directiva 2010/75/UE para a prevención e control integrado da contaminación das emisións industriais.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso dos Deputados. (Foto: Nós Diario)

O BNG rexistrou iniciativas no Congreso español para reclamar ao Goberno estatal que denegue fondos públicos ao proxecto de macrocelulosa que a multinacional lusa Altri prevé en Palas de Rei (A Ulloa), despois de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sentenciase —na Directiva 2019/75/UE publicada o 25 de xuño— que unha compañía deberá suspender a súa actividade se presenta riscos graves para a saúde humana e o medio ambiente polas súas emisións contaminantes.

Nun comunicado, o deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, acusa o proxecto de Altri de incumprir os parámetros de emisións industriais que exixe a normativa vixente.

Advirte Rego de que a sentenza do TXUE é de obrigado cumprimento para os Estados membros, de maneira que deben ser tidas en conta todas as emisións contaminantes que realice unha industria.

Concretamente, sinala que para a expedición ou revisión “dun permiso de explotación dunha instalación a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”.

Esta resolución, en opinión da formación nacionalista, é especialmente relevante para a Galiza e para a avaliación da autorización da macrocelulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei. “O proxecto incumpriría, segundo a interpretación realizada polo TXUE, a Directiva para a prevención e control integrado das emisións industriais”, enfatiza o deputado do BNG.

Néstor Rego sinala a ausencia no Estudo de Impacto Ambiental de referencias ás partículas PM2.5, malia que tal e como declarou que deben terse en conta todos os contaminantes tratados no informe final de avaliación dos prexuízos para a saúde, así como as partículas PM2.5 e PM10 de fontes difusas e verteduras canalizadas.

“O proxecto presentado pola empresa lusa só contemplou e cuantificou catro substancias contaminantes [que a celulosa emitiría] á atmosfera polo que o seu Estudo de Impacto Ambiental incumpre a Directiva”, subliña Néstor Rego. Neste sentido, o deputado considera que o Goberno estatal debe cumprir o contido na normativa europea e avaliar o conxunto de substancias “antes de incluír o proxecto na segunda convocatoria dos PERTE da descarbonización industrial”.

O Goberno español, reclama Néstor Rego, debe cumprir coa legalidade vixente e exixir, para conceder a autorización ou dar financiamento, que se avalíen o conxunto das emisións “e isto non se cumpre no caso do proxecto de ALTRI en Palas de Rei”.

Comentarios