Moncloa avoga por medir o impacto das noticias en redes sociais para distribuír o financiamento público

"Son os elementos que habería que incorporar á hora de avaliar as audiencias, que son as que logo permiten recibir maior ou menor financiamento", afirma a ministra María Jesús Montero.
Pedro Sánchez e María Jesús Montero, esta cuarta feira, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e María Jesús Montero, esta cuarta feira, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, sinalou esta quinta feira que as audiencias dos medios son "un dos elementos máis importantes" para distribuír o financiamento público dos mesmos, e mostrouse a favor de incorporar novos criterios á medición das mesmas, como o impacto das noticias nas redes sociais ou o tempo de permanencia dos lectores e lectoras nunha páxina.

Un día despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparecese no Congreso dos Deputados para esbozar o seu plan de rexeneración democrática, que inclúe varias medidas que afectan os medios de comunicación, Montero sinalou que as audiencias son o primeiro elemento que teñen en conta as administracións que reparten publicidade institucional.

Ante a "proliferación de medios dixitais" e o cambio do modo no que os cidadáns interactúan con estes medios, segundo sinalou, "que xa non seguen as regras antigas das televisións ou as radios", Montero mostrouse a favor de incorporar estes novos criterios como o impacto e a difusión nas redes sociais, "o retuiteo" ou o tempo que un lector permanece nunha noticia. "Son os elementos que habería que incorporar á hora de avaliar as audiencias, que son as que logo permiten recibir maior ou menor financiamento", indicou, nunha entrevista en TVE.

Debates electorais

Por outra parte, despois de que Sánchez anunciase unha reforma da Lei electoral para facer obrigatorios os debates entre candidatos durante as campañas electorais, Montero concretou que, na súa opinión, polo menos un destes debates debería realizarse na radiotelevisión pública.

Considera que os debates electorais serven para coñecer as propostas das e dos candidatos e, por tanto, debe ser obrigatorio acudir para que ninguén "rexeite" dar esas explicacións aos cidadáns, pois, alerta, detrás da ausencia dun líder nun debate adoita haber unha "estratexia" para non expor o que pensa porque pode facerlle "dano" nas urnas.

Os bulos

Ademais, Montero sinalou que a intención do Goberno coas medidas de transparencia dos medios é saber quen está detrás dos "bulos" que "logo se utilizan para ir aos tribunais" para que se produza unha investigación ou un cuestionamiento sobre a ética das persoas", dixo, en alusión velada ao caso de Begoña Gómez, esposa de Sánchez.

"Cando un tenta saber quen está a alimentar este tipo de cuestións e por tanto quen fai uso das noticias falsas para provocar unha mentira que contamina a vida política, resulta que non hai ningún rexistro, ningún lugar onde poidas coñecer quen son os titulares desas empresas e deses medios de comunicación", sinalou.

Comentarios