Feche de usuarias no centro de saúde de Ponteareas: "O deterioro da sanidade é insoportábel"

Veciños e veciñas da comarca do Condado iniciaron esta sexta feira un feche no centro de saúde de Ponteareas para denunciar  os recortes en quendas e persoal que, denuncian, levan anos soportando e que estes días tivo unha nova volta de porca co feche polas tardes do centro de saúde.
plataforma condado sanidade
photo_camera (Foto: Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado-Paradanta)

O malestar pola deterioración da Atención Primaria leva meses provocabdo mobilizacións, protestas e concentracións en diferentes comarcas da Galiza. Esta sexta feira, na do Condado, ese malestar colleu forma de encerro de usuarios e usuarias no centro de saúde de Ponteareas. Un feche que, convocado pola Plataforma en defensa da sanidade pública do Condado-Paradanta, prevén manter até o domingo. "A situación é insostíbel", confesa en conversa con Nós Diario Xurxo Porrit, portavoz da plataforma. "Levamos cinco anos denunciando a deterioración da sanidade na comarca e os efectos que iso causa na veciñanza", indica.

O feche ten un obxectivo principal: "Pór de manifesto os problemas dos Centros de Atención Primaria dos nosos concellos" e reclamar "a dotación suficiente de profesionais (médicos, persoal administrativo, etc.) que garantan a correcta atención dos e das pacientes".

Porrit explica que en Ponteareas hai ao redor de 6.000 persoas sen médico asignado. "Hai unha falta continua de médicos no centro de saúde. En ningún momento están cubertas as 15 prazas do centro, chegando a un máximo de 8-9 facultativos no mellor dos casos. Un centro médico do que dependen máis de 20.000 persoas!", denuncia.

A isto engádese o feche "definitivo da quenda de tarde" no centro de saúde. "Os pacientes da quenda de tarde levan meses sen médico asignado e con esperas de até 15 días para poder conseguir unha cita".

A lista de queixas polo devalo da sanidade na comarca non acaba aquí. A plataforma afirma que hai listas de espera dun ano para unha cita co psicólogo", ou ben que hai "veciños e veciñas con enfermidades graves e que non teñen un correcto seguimento e tratamento".

Neste sentido, Xurxo Porrit menciona o caso de Lola, unha veciña da comarca que necesita recibir un tratamento de quimioterapia e cando a envían ao  Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) "non hai persoal para lle dar o tratamento".

"Que recoñezan que hai un problema"

A Plataforma lamenta que cando as súas protestas e denuncias por esta situación da sanidade chegan ao Parlamento a través de iniciativas ou preguntas, "o único que fai o conselleiro [de Sanidade, Gómez Caamaño) é dar largas".

Esta situación na comarca non se circunscribe a Ponteareas. A Plataforma indica que en "Salvaterra de Miño, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Covelo, Crecente, Arbo e A Caniza –centro de saúde e pac de referencia para a comarca da Paradanta—", teñen os mesmos problemas: prazas de facultativos sen cubrir, falta de pediatras e longas esperas para ter cita co médico de cabeceira. Un escenario que se repite noutras comarcas galegas. Por exemplo no Morrazo, onde  plataformas veciñais e gobernos locais suman anos de protestas e reivindicacións en defensa da Atención Primaria, que sofre a falta de reposición de persoal e a concentración das consultas a varios quilómetros das casas.

Comentarios