Os sindicatos critican que a Xunta deixe sen a suba de 2% parte do seu persoal

Primeiro a Consellaría de Educación e agora a de Sanidade deixan de contemplar na totalidade da nómina do seu persoal funcionario o aumento pactado de 2%. Neste último caso, a CIG-Saúde critica que o Sergas pretenda "amortizar" parte do acordo de melloras asinado en 2023 non executando este incremento. 
Reunión en maio do Conselleiro de Sanidade con representantes da CIG, CSIF, CCOO e UXT (Foto: Nós Diario-Arquivo).
photo_camera Reunión en maio do Conselleiro de Sanidade con representantes da CIG, CSIF, CCOO e UXT (Foto: Nós Diario-Arquivo).

A CIG-Saúde vén de denunciar que o Sergas vai manter conxelados os complementos de garda, festividade, nocturnidade e quendas para o persoal da sanidade pública, xa que a suba salarial de 2% acordada por CCOO e UXT a nivel estatal para o ano 2024 non se aplicará sobre os valores actuais destes conceptos.  

En declaracións a Nós Diario, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, critica que escolleran “os complementos máis penosos, aqueles que teñen que ver coa dispoñibilidade do persoal para facer máis horas, para non aplicarlle a suba xeral de 2%”. Este sindicalista, que considera que este incremento “non compensa a perda salarial que tivo o persoal sanitario”, acusa á Xunta de “pór como escusa que xa tiveron un aumento polo acordo de 2023 mais non nós consideramos que non é así”. Neste sentido, Moreira critica que "o Conselleiro fala  de coidar aos que coidan, mais con isto non o demostra".  

A "non suba" no Ensino

No caso da Consellaría de Educación, a polémica xurdiu na orde de confección de nóminas publicada no DOG do día 15 de xullo. Nela quedaban excluídas da suba conceptos das nóminas como os sexenios ou os complementos de titorías. Para a CIG-Ensino, este feito significaba unha “renuncia” dos sindicatos que asinaron o acordo de outubro de 2023. Para a central nacionalista implica perder con carácter permanente esa suba “e suma un aforro nas contas da Xunta á conta de miles de docentes aos que se lles vendeu un incremento que agora se demostra que xa estaba descontado coa suba xeral dos salarios".

Desde as organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UXT-SP Ensino, criticaron no seu momento que a orde non recollera o medre salarial de 2 % nos complementos retributivos que viron incrementada a súa contía a 1 de xaneiro de 2024 tras o acordo de medidas de mellora. Esta suba, indicaban nun comunicado, “xa se coñecía con anterioridade á negociación e sinatura do acordo e, de feito, a Administración non propuxo a inclusión de ningunha cláusula neste acordo que puidera recoller tal absorción, o que amosa o claro incumprimento, por parte da Consellaría de Educación”. 

O secretario de acción sindical de ensino de CCOO, José Manuel Fuentes, explica a Nós Diario que a Consellaría asegurou esta quinta feira “que se comprometía a corrixir e incluílo de maneira correcta no Diario Oficial da Galiza”. Con todo, considera que “hai que agardar para ver como queda” e “controlar que non intente burlar os acordos”. 

Tamén a secretaria de ensino e servizos públicos de UXT, Sandra Montero, indica a Nós Diario que a Xunta falou “de erro” e considera que “hai que estar vixiantes, non só no ámbito do ensino, para que non se sucedan”. En ambos os dous sindicatos non descartan “accións xudiciais”, no caso de que, finalmente, non se corrixa nas vindeiras nóminas. 

Comentarios