O comité intercentros da CRTVG exixe a Rueda o "cesamento inmediato" dos directivos investigados por presunto acoso laboral

"Son xa sete as persoas directivas, e dúas ex directivas, investigadas", salientan desde o colectivo.
Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
photo_camera Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

O comité intercentros da CRTVG remitiu esta sexta feira un escrito ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, solicitándolle o "cesamento inmediato" das persoas directivas investigadas polos presuntos delitos de acoso laboral e contra a seguranza e a saúde labobral dunha traballadora da Radio Galega que denunciou estes feitos en maio de 2023.

A xuíza instrutora da causa vén de ampliar a querela criminal presentada contra o director de Recursos Humanos da Corporación pública, Víctor Tubío Villar, e imputa novos feitos ao coordinador do Servizo de Prevención, Manuel Casás Macías, e mais o subdirector do Departamento de Xestión dos Servizos Informativos, Alejandro López Carballeira, salientan desde o comité.

Con Tubío Villar, subliñan, "son xa sete as persoas directivas investigadas" e mais dúas ex directivas, entre elas o propio director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, ademais de dúas ex directivas. Segundo o comité intercentros, as imputacións destas persoas, "polos seus cometidos e responsabilidades, afectan grave e negativamente a negociación e a xestión do noso marco de relacións laborais, o clima laboral e a prestación normalizada do servizo público de comunicación audiovisual".

É por iso que o comité solicita ao presidente Rueda o cesamento de todos os directivos imputados "co fin de afastar a xestión dos medios públicos de calquera dúbida ou sospeita, sen prexuízo da presunción de inocencia e o respecto á decisión que finalmente adopte a autoridade xudicial".

Comentarios