Traballo reúnese cos axentes sociais á espera da proposta de CEOE para reducir a xornada

Desde Traballo deron sete días a CEOE e Cepyme para aclarar cal é a súa postura en relación á redución de xornada e que condicións puñan. "O Goberno avanzará nesta cuestión, aínda que a patronal non queira", advertiu a ministra Yolanda Díaz.
A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, co presidente da CEOE, Antonio Garamendi. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, co presidente da CEOE, Antonio Garamendi. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Ministerio de Traballo e Economía Social reunirase esta segunda feira, 1 de xullo, cos axentes sociais para avanzar na negociación da redución da xornada laboral e á espera de que a patronal presente as súas propostas por escrito para levar o tempo de traballo das 40 horas semanais ás 37,5 horas o vindeiro ano 2025 sen redución do salario. A reunión, que comezará ás 16 horas, estará presidida polo secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e nela estarán previsibelmente os negociadores habituais, CCOO, UXT, CEOE e Cepyme.

No encontro, o Ministerio de Traballo espera recibir as proposta por escrito que a semana pasada Pérez Rey urxiu a que presentase a patronal española para poder avanzar na materia. "Se chegamos á segunda feira sen ningunha proposta alternativa da patronal, teremos que tomar algunha decisión", avisou, tras a reunión de hai unha semana na que criticou a falta de propostas por escrito da CEOE nos máis de cinco meses de negociación sobre a redución de xornada, e advertiu á patronal de que o Goberno estatal non ía "tolerar" unha "estratexia dilatoria". "O tempo aprema", recalcou.

Por iso, desde Traballo deron sete días a CEOE e Cepyme para aclarar cal é a súa postura en relación á redución de xornada e que condicións puñan. Pola contra, tal e como veu avisando a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o Goberno procederá a reducir a xornada nun acordo bipartito con sindicatos e sen a patronal. "O Goberno si avanzará na cuestión, aínda que a patronal non queira", reiterou a ministra durante unha interpelación no Congreso a semana pasada, aínda que aseverou que o Executivo non se levantaría da mesa "até conseguir, se a patronal así o estima, o acordo".

A patronal insiste na "falta de diálogo"

A este respecto, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, acusou o Ministerio de ir co resultado da negociación "xa fechado" e estabelecer un "monólogo" en lugar dun diálogo social, á vez que mantivo que realizaron "moitísimas propostas" en relación á redución da xornada laboral, pero que o Goberno "non acepta ningunha". "Ao monólogo eu non teño que contestar con nada, directamente que fagan o que teñan que facer", asegurou Garamendi hai uns días, á vez que cualificou de "ultimatos" de Traballo dar unha semana á patronal para presentar as súas propostas. "Iso non é diálogo social", reiterou.

Unha postura compartida polo presidente de Cepyme, Gerardo Cuerva, quen acusou o Executivo de montar "un teatro" en relación á redución de xornada, e polo presidente das traballadoras autónomas de ATA, Lorenzo Amor, que mantivo que a redución da xornada "non é boa para a pequena empresa" e insistiu en facela "sector por sector".

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, e o de UXT, Pepe Álvarez, afirmaron que a postura da CEOE en relación á redución da xornada laboral fainos ser "pouco optimistas" sobre un acordo tripartito, aínda que pediron non descartalo polo de agora. De igual maneira, urxiron á patronal a que clarifique cal é a súa postura en relación a diminuír o tempo de traballo para, a partir diso, empezar a negociar as condicións.

O aumento das horas extra, principal punto de fricción

A redución da xornada laboral estaba a negociarse en dúas mesas: unha tripartita, entre o Ministerio de Traballo e axentes sociais, e outra bipartita, só con patronal e sindicatos, até hai poucas semanas, cando o Ministerio de Traballo colleu as rendas da negociación ante a falta de avances entre sindicatos e patronal.

O principal punto de fricción que impediu á mesa bipartita avanzar, segundo CCOO, foi a intención da patronal de compensar a redución do tempo de traballo a través do incremento das 'horas extra', que actualmente se atopan nun máximo de 80 horas por ano.

Para CCOO, o incremento das horas 'extra' é unha "liña vermella" que non contempla aceptar, mentres UXT si se abre a negocialo coa condición de que a CEOE aclare se aceptará reducir a xornada ou non. Por parte de Traballo, non contemplan tampouco compensar con horas extraordinarias a redución da xornada.

Comentarios