Os sindicatos anuncian folga indefinida de ambulancias en Vigo, Cangas e Moaña

A CIG, CCOO e USO anunciaron esta terza feira a convocatoria de folga indefinida, na tempada de verán, para reclamar os pagos que non cobraron. Os sindicatos advirten do "completo colapso" do servizo nesa zona.
Pintadas nunha ambulancia contra o propietario da compañía, Carlos Simón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pintadas nunha ambulancia contra o propietario da compañía, Carlos Simón. (Foto: Nós Diario)

As organizacións sindicais CIG, CCOO e USO anunciaron onte a convocatoria de folga indefinida, na tempada de verán, do servizo de transporte sanitario urxente de Vigo, Cangas e Moaña (estas últimas no Morrazo), e advertiron de que o paro podería provocar un "completo colapso" do servizo. 

Así o trasladaron nun comunicado no que lamentaron que, segundo lles explicou a Xunta da Galiza, Ambulancias do Atlántico (anterior concesionaria) non pode facer fronte ao pago da liquidación dos 103 traballadores e tampouco ao abono das débedas por nóminas mal calculadas durante os primeiros meses deste ano.

Ademais, a nova concesionaria, Emersan Saluser, negouse a abonar, segundo os sindicados, a paga de regularización de convenio colectivo, "a pesar de que a compañía recibirá a cantidade íntegra do Sergas) este mes de xuño", uns 1.725 euros por persoa empregada.

Os sindicatos criticaron que agora os responsábeis do 061 e da Consellería de Sanidade rompesen o seu compromiso, asegurando que o Goberno galego "non interveu nin intervirá a Ambulancias do Atlántico". 

Por todo iso, os sindicatos decidiron convocar unha folga indefinida que será comunicada hoxe á compañía e a finais de semana á Xunta. Así, as fontes sindicais consultadas prevén que non se inicie até a semana do 8 de xullo, debido á necesidade de cumprir cos prazos legais estipulados. 

Pola súa parte, a Consellaría de Sanidade trasladou que traballa "para garantir a prestación do servizo de transporte sanitario urxente na área de Vigo" con "eficiencia, eficacia e calidade" e tamén para "cumprir con todo o acordado coas traballadoras e cos traballadores: a cobranza das nóminas, incluída a do 31 de maio".

Da mesma maneira, o Sergas defendeu que "a Xunta interveu o servizo" e, o pasado 29 de maio, adxudicou á UTE Emerxencias Sanitarias Saluser 2024 o contrato para a prestación do servizo, que entrou en vigor o 1 de xuño.

Comentarios