A CIG denuncia que varios municipios exixen non estar embarazada para participar en concursos de brigadas antincendios

A central sindical nacionalista cualifica de “criterio sexista” o aplicado por concellos como O Irixo, Val do Dubra, Carballo, Santa Comba ou Negreira.

Brigada de incendios forestais, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miteco)
photo_camera Brigada de incendios forestais, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miteco)

A CIG recorrerá as bases de varios concursos públicos en municipios que exixen un certificado a mulleres de non estar embarazadas para poder participar en probas físicas de brigadas antincendios.

Nun comunicado, a central sindical nacionalista refírese a casos nos municipios de O Irixo (comarca do Carballiño), Val do Dubra (comarca de Compostela), Carballo (Bergantiños), Santa Comba (Xallas) ou Negreira (A Barcala), á vez que acusa de "discriminar as mulleres" con estas bases.

Alerta de que "se trata dunha ilegalidade que incumpre tanto a propia Constitución española como a lexislación estatal e europea en materia de igualdade e non discriminación, ademais de existir xurisprudencia suficiente respecto diso".

Por iso, insta á anulación das bases dos concursos e a convocatoria de mesas xerais para a negociación de novas bases para estes concellos.

"O embarazo nunca pode ser motivo de exclusión dun proceso selectivo nin impedimento para poder participar nel; o certificado médico debe estabelecer se unha persoa é apta ou non para desenvolver unhas probas físicas determinadas, pero non se pode exixir como requisito un papel no que poña que non estamos embarazadas", avisa a Secretaría das Mulleres da CIG, no que cualifica de "criterio sexista".

Comentarios